Calvo Xiria 33 – Granitos Ibéricos Carballal 26

Crónica do Calvo Xiria 33 – Granitos Ibéricos Carballal 26
Manuel Rey / 18 Febreiro 2014
CALVO XIRIA 33 – GRANITOS IBÉRICOS CARBALLAL 26

Calvo Xiria 33 (17+16): Iago [p], Ramón (5), Sergio (10), Chimpo, Rubén (2), Brais (1), Zas (6) – equipo inicial- Naya [p], Zúpez [p], Calvete, Martín, Pablo (8), Javier, Gonzalo (1).

Granitos Ibéricos Carballal 26 (17+9): Pedro [p], Ramón (6), Pablo (1), Dani (2), Barros (2), Abel (7), Juan (5)– equipo inicial – Yillo [p], Luis, Isma (2), Joaquín ((1), Xacob, Hugo, Diego.

Colexiados: Fernando López Fernández e Manuel Arnaiz Cucurull do colexio cántabro. Excluíron aos xogadores locais Ramón (23´), Rubén (33) e Sergio (36´). Polo bando visitante excluíron a Pablo (6´) e Isma (39´ e 58´)

Marcador: 5-1, 9-4, 12-8, 14-10, 17-13, 17-17 (descanso); 19-19, 19-19, 24-20, 26-22, 29-24, 33-26

7 metros: Calvo Xiria: 5 / 5 ### Granitos Ibéricos Carballal: 3 / 5

Boa entrada no Vila de Noia con preto de 300 seareiros nas gradas.

Enfrontouse esta fin de semana o Calvo Xiria ao penúltimo clasificado da liga de 1ª Estatal, o Granitos Ibéricos Carballal, acadando dous novos puntos, que unidos ao tropezo do Luceros de Cangas fan que a segunda praza pase a mans dos carballeses.

Os primeiros minutos deixaron a imaxe duns xogadores carballeses moi centrados e con gañas de encarrilar canto antes o encontro. Defensa, paradas e rápidos contraataques non tiñan resposta dos vigueses que pedían tempo morto cando ían cinco minutos de partidos. No minuto seis os visitantes sufriron unha exclusión que podería ter sido aproveitada polo Xiria para rachar definitivamente o partido. Mais non foi así, o parcial de 1-2 favorable ao Granitos facía que o dominio carballés desaparecese. A diferenza estabilizouse nos catro goles, sen dar a sensación os locais de ter a intención de volver ao partido, e así foi. Nos cinco minutos finais do primeiro tempo os vigueses devolveron o parcial inicial de +4 e conseguiron marchar para os vestiarios cun empate a 17 desconcertante para os seareiros carballeses, e por suposto para o equipo local.

O segundo tempo deparou dez minutos de máxima tensión con dous equipos loitando por facerse co mando do partido, e foron os visitantes os que tiveron as primeiras vantaxes, mais desaproveitaron –coma no primeiro tempo o Calvo Xiria- dúas superioridades numéricas que foron moito máis positivas para os sancionados, xa que elevaron, e de que xeito, o nivel defensivo apoiándose para elo en moita anticipación e en Iago parando balóns decisivos. A partir dese intre a lóxica da clasificación plasmouse na cancha, e os xogadores carballeses leváronse os puntos en xogo logo dun parcial nos vinte minutos finais de 14-7.

A vindeira xornada levará aos carballeses a Bueu para disputar a vixésima xornada desta liga na que cada partido ten importancia máxima para os cinco equipos que pelexan por facerse co segundo posto.