16/02/2008 CALVO XIRIA 35 – RASOEIRO BM 34
Calvo Xiria (19+16) 35: Quique, Pablo (7), Cuco (5), Roberto (1), Fernando Vázquez (7), Cristophe (1) e Chimpo (6) –equipo inicial- Iago, Sebastián (4), Pombo, Álex (1), Bruno (3), Jesús e Manuel.
Rasoeiro Bm (17+17) 34: Diego, Abel (2), Bruno (5), Juan (11), Jaime (3), Borja (6) e Alexio (3) -equipo inicial- Martín, Carlos, Silva (1), Brais, Manuel (3) e Daniel.
Árbitros: Miguel A. Jimeno e José A. Rodríguez. Mal.
Quinto triunfo consecutivo dun Calvo Xiria que soubo sufrir para derrotar ao Rasoeiro e pasa a comandar en solitario a terceira praza da clasificación en Primeira Autonómica. Os dous equipos chegaban a Carballo empatados a puntos e a igualdade que se presupoñía ao principio foi a tónica dominante ao longo de todo o partido. Comezou mellor o Calvo Xiria que, grazas ao acerto anotador de Fernando Vázquez dende o exterior, conseguía abrir unha pequena diferenza nos primeiros trece minutos de partido (10-6). Un par de exclusións consecutivas do Calvo Xiria permitiron a reacción do Rasoeiro que, nun abrir e pechar de ollos, endosou aos locais un parcial de 0-5 para poñerse por diante mediado o primeiro acto (10-11). A partir de entón, a emoción e igualdade estiveron sempre presentes nun partido no que ambos equipos alternaron a iniciativa no marcador. O xogo veloz exposto por ambos conxuntos superaba a unhas defensas débiles e, grazas a un par de contraataques nos últimos segundos, o Calvo Xiria era quen de chegar ao descanso con vantaxe no marcador (19-17). O lanzamento de Fernando Vázquez foi clave nunha primeira parte na que os porteiros de ambos equipos estiveron bastante atinados. De feito, o visitante Diego chegou a desesperar aos extremos e pivotes do Xiria, con moitísimo acerto a lanzamentos desde a liña de seis metros.
Non cambiou a tónica do partido no segundo acto e a igualdade seguiu sendo a nota predominante no xogo. A soberbia actuación de Diego na portería visitante non daba opción a que o Calvo Xiria conseguira romper o partido. Ademais, os contraataques finalizados polo visitante Juan facían que o Rasoeiro presionara a un Xiria que, pese a todo, sempre foi por diante no marcador. A dirección de Pablo nos momentos claves volveu resultar decisiva nunha fase de partido na que os visitantes, cunha defensa máis aberta, impedían os lanzamentos cómodos de Fernando Vázquez no exterior. Chimpo, que non tivo un día especialmente afortunado dende o extremo, botouse o equipo ás costas nos últimos minutos e, cun par de accións individuais, permitiu ao Calvo Xiria afrontar con un pouco máis de tranquilidade os últimos minutos. Pese a todo, o Rasoeiro tivo a opción de empatar a falta de pouco máis dun minuto cando Juan se quedaba so fronte a Iago. O porteiro carballés sacou unha man prodixiosa que permitiu aos locais lanzar o contraatque e conseguir unha renda de dous tantos que sería decisiva. O Rasoeiro dispuxo dunha última bola para empatar o partido pero a boa defensa de Álex e Fernando impediu que, nin tan sequera, puideran lanzar os visitantes. O Calvo Xiria segue a madurar no seu xogo e soubo resolver un complicado partido fronte a un correoso equipo e unha arbitraxe que, en determinadas fases do xogo, deixou moito que desexar.
