24/01/2008 CALVO XIRIA 41 – EXPL. MINEIRAS CANGAS 23
Calvo Xiria (18+23) 41: Quique, Alex, Jesús (4), Bruno (3), Cristophe (2), Roberto (7) e Pablo (6) -equipo inicial- Iago, Cuco (9), Sebastián (2), Pombo (3), Chimpo (4), Manuel (1) e Fernando Vázquez.
Expl. Mineiras Cangas (11+12) 23: Cayetano, Durán (2), David (2), Serafín (5), Eduardo (5), Rubén (6) e Cristóbal -equipo inicial- Manuel, Dacosta (1), Adrián (1), Edgar (1) e Francisco.
Árbitros: José Ignacio Pereira e Vicente Pérez. Complicáronse en exceso nun partido moi tranquilo.
Foi, sen lugar a dúbidas, o partido máis sinxelo que tivo o Calvo Xiria nas últimas temporadas. Xa dende o primeiro minuto se vía que o Cangas non viaxara a Carballo con intención de, nin tan sequera, disputar o partido. O feito de xogarse en mércores pola noite fixo que os visitantes chegaran moi mermados de efectivos ao Pavillón Municipal da Zona Escolar. Só durante os primeiros minutos aguantou o conxunto visitante no marcador, ata que o Calvo Xiria -sen facer ningún tipo de alarde- comezou a adquirir rendas de tres e catro goles que supoñían o inicio do fin para o Cangas. A aportación de Quique na portería local contribuiu a que os pontevedreses non tiveran opcións de remontada e terminou de minar a moral dun conxunto que arroxou a toalla demasiado pronto. As continuas imprecisións dos visitantes en ataque, con numerosas perdas de balón produto da falta de concentración, facilitaron o traballo a un Calvo Xiria que se foi ao descanso con sete goles de renda (18-11) e a sensación de que o partido estaba visto para sentenza. O único borrón da primeira parte foi a rigorosa expulsión de Alex, nun partido que só os árbitros quixeron complicar ata ese nivel. Ademais, e para colmo de males dos visitantes, o único porteiro do Cangas lesionábase na derradeira xogada do primeiro acto, situación que provocaba que un xogador de campo se tivera que poñer baixo os paos da portería visitante na reanudación.
Este feito, unido á desidia amosada polo Cangas na segunda parte, provocou que os segundos trinta minutos foran un paseo para o Calvo Xiria. Marcos Rodríguez aproveitou o partido para dar entrada a xogadores menos habituais nos últimos partidos e estes non desperdiciaron a oportunidade. Con rápidas transicións e un porteiro moi vulnerable, o Calvo Xiria comezou a abrir grandes diferenzas no marcador, aproveitándose do mal partido do seu rival. Un goteo constante de goles que se traduciu, ao remate do partido, con ese concluínte 41-23. Dazaoito goles de diferenza que falan ben ás claras de qué equipo saliu disposto a gañar o partido. Cuco, unha vez máis, volveu a ser o máximo goleador dos carballeses, con nove goles. O pivote carballés está a atravesar un momento moi doce e, ademais do seu liderazgo na parcela defensiva, está a ser determinante no capítulo ofensivo.