Complicados rivais para Escolas Balonmán Xiria

Comeza un ciclo de duros enfrontamentos para o Calvo Xiria esta fin de semana, tres xornadas moi importantes nas aspiracións dos carballeses nesta tempada, xa que se enfronta ao primeiro, segundo e quinto clasificado. Abrirase este ciclo no Vila de Noia o sábado ás 6 da tarde. Será co Seis do Nadal, que marcha no segundo posto da táboa clasificatoria logo de perder un único partido na sempre complicada pista do Chapela. Un xogo ofensivo moi rápido e variado, e sobre todo a defensa que menos goles encaixa na liga, apoiada nun gran traballo dos seus porteiros, son a carta de presentación dun equipo que se gañou a pulso neste inicio de liga ser dos chamados a ocupar os postos de privilexio.
Terá que amosar a súa mellor faciana o conxunto verdibranco para contrarrestar as armas dos vigueses e loitar pola vitoria. Sacrificarse en defensa para poder correr contraataques e asegurar os lanzamentos de seis metros son tarefas inescusables neste partido de máxima tensión. Dende logo que xogar na casa será outras das bazas das que tirará proveito o Calvo Xiria, contando co apoio incondicional dos seus seareiros. Agás Alejandro Naya, mancado nun cóbado hai quince días, o resto de integrantes están á disposición de Marcos Rodríguez para entrar nunha convocatoria que se decidirá despois do derradeiro adestramento.
Tamén este sábado infantís, cadetes e xuvenís, afrontan a oitava xornada da liga de División de Honra fora de Carballo, os dous primeiros farano no pontevedrés C. G. T. D. , mentres que os xuvenís desprazaranse a Chapela. Ás 10.00 O Grupo Lemaco cadete, situado na cuarta posición da táboa clasificatoria, enfrontarase a un rival certamente complicado, como é o Cisne. Para este encontro, o conxunto bergantiñán conta con todos os seus efectivos agás Pablo Cambón, que segue o seu proceso de recuperación dunha escordadura de nocello. En canto remate este encontro chegará a quenda do Garaya Xiria, que ás 12:00 afronta un complicado partido co Cisne, 3º clasificado na táboa cunha soa derrota, os carballeses recuperan para esta xornada ao seu central Urbieta, e ao seu extremo Manuel e agarda poder dar a sorpresa na cidade do Lérez. Os xuvenís, pola súa parte e despois de ascender ata a terceira praza da clasificación, mediranse ao Chapela ás 16:30 no pavillón municipal de Chapela as 16:30. Dani Buño segue a ser baixa pola luxación dun dedo e Iván Campos podería ser baixa se entra na convocatoria do equipo Séniro
Queda para o domingo ás 12:15 o encontro de Marmolería José Rey de infantil territorial. No Pavillón Quiroga Palacios (Santiago de Compostela)tentará recuperar a senda da vitoria contra o Ribadosar de Santiago. O equipo non poderá contar con Dani Mallo, lesionado tras un golpe no xeonllo no pasado partido contra o Bm. Viveiro.

Destacar que os partidos Goldie Xiria – Bm Porriño (sénior feminino) e LK Xiria- Ifecgas Pereira Xiria (alevín balonmán 7) quedan aprazados.