08/03/2008 CONSERVAS BOYA CAMARIÑAS 30 – CALVO XIRIA 33
Conservas Boya Camariñas (11+19) 30: Lalá, Alan (4), Felipe (2), Quin (1), Nesterov (1), Borja (10) e Fabián (6) -equipo inicial- Cristian, Carlos, Adrián, Moncho, Alberto (6) e Anxo.
Calvo Xiria (20+13) 33: Quique, Cuco (9), Bruno (4), Roberto (1), Cristophe (5), Pablo (10) e Fernando Vázquez -equipo inicial- Iago, Alex, Sebastián, Pombo (2), Jesús (2) e Manuel.
Árbitros: Angélica Comesaña e Tatiana González. Mala arbitraxe para os dous conxuntos. Non influíron no resultado final.
O Calvo Xiria gonseguiu a súa oitava vitoria consecutiva en liga ao derrotar no derbi ao Camariñas no pavillón da Ponte do Porto. O trunfo ten un valor engadido, xa que o equipo de Marcos Rodríguez depende de si mesmo para conseguir a segunda praza da clasificación que podería dar dereito a disputar a fase de ascenso a Primeira Estatal, logo da derrota do Seis do Nadal fronte ao Cisne. O vindeiro sábado, en Carballo, o Calvo Xiria recibe ao conxunto olívico coa intención de encaramarse á segunda praza da clasificación en Primeira Autonómica.
O derbi entre Calvo Xiria e Camariñas respondeu ao guión previsto neste tipo de encontros. Comezou mellor o equipo de Toni García e, cun parcial de 3-0, lograba sorprender de inicio a un impreciso Xiria. Os visitantes foron pouco a pouco soltándose en ataque e, grazas á estratosférica actuación de Quique na portería, conseguían devolver a igualdade ao marcador a mediados do primeiro acto. A expulsión do local Quin, ao encararse cun sector do público visitante, foi un xerro de auga fría para os locais, que viron como o Calvo Xiria conseguía adquirir rendas importantes no marcador ata o 11-20 co que se chegaba ao descanso. As paradas de Quique (13 na primeira metade e 21 en todo o partido), a aportación de Cuco en ataque (7 goles na primeira parte) e a defensa de Fernando Vázquez sobre Nesterov (só un gol no partido) bastábanlle aos de Marcos Rodríguez para, case, sentenciar o partido con toda a segunda parte por xogar.
A saída en tromba do Calvo Xiria na reanudación, cun parcial de 0-3, non facía presaxiar o que foi o desenlace do partido. Con doce goles de renda (11-23), Marcos Rodríguez optou por rotar o banquillo e aí comezou a reacción do Camariñas. A saída da pista de Pablo e Cuco deixou orfo de ideas ao Calvo Xiria en ataque e, pouco a pouco, os de Toni García conseguían pequenos parciais que espertaban ao público e levantaban a moral dos xogadores. Borja botábase o equipo ás costas e lideraba unha reacción que, de non ser polas intervencións de Quique nos últimos minutos, puido culminar en remontada heróica. O Calvo Xiria soubo manter a cabeza fría nos instantes finais e un gol de Jesús e unha exclusión de Nesterov, que lle sacou Roberto, terminaron por decantar a balanza para os de Marcos Rodríguez. A baixa de última hora de Chimpo, cunha escordedura no nocello, restou potencial ofensivo a un Xiria nos momentos finais. Xusto é destacar a casta do Camariñas que, co partido prácticamente perdido, rexurdiu das súas cinzas e a punto estivo de lograr unha remontada espectacular. Xogando como o fixo na segunda parte, debería asegurar a súa permanencia canto antes. Polo que respeita ao Calvo Xiria, deberá recapacitar en torno ao porqué do baixón da segunda metade, se quere gañar os catro partidos que lle restan e, polo tanto, conseguir o subcampionato ligueiro.