Derrota do Calvo Xiria na visita ao Rosal

Derrota do Calvo Xiria na visita ao Rosal

Se o partido xa era dos máis difíciles para o Calvo Xiria, a baixa de Ramón por mor dun pequeno accidente doméstico aumentaba esta dificultade, pois perdía ao seu home de referencia nas tarefas defensivas de blocaxe ante a primeira liña máis potente da competición en canto a lanzamento exterior e envergadura.

Comezaron os carballeses o partido cun bo traballo no aspecto ofensivo, buscando unha e outra vez o xogo na liña de seis metros onde Calvete sacaba vantaxe ante uns defensores que non eran quen de gañarlle a partida. Mais no eido defensivo non tiña tan boas novas o conxunto verdibranco incapaz de frear o lanzamento exterior rosaleiro, que co paso dos minutos foi o que levou a batuta do partido, impoñendo pouco a pouco a lóxica. Chegouse así ao tempo de lecer cun parcial de 16 a 11 que deixaba o partido moi costa arriba para o Xiria, xa que o ritmo de xogo era imposto polos locais.

A saída dos vestiarios en inferioridade por parte verdibranca supuxo un parcial de dous a cero que deixaba case sentenciado o partido. O nivel defensivo do Novás no segundo tempo foi moi alto, quizais de máis, xa que é salientable que unha das defensas máis duras do campionato, xuntamente ca do Chapela que visita a próxima xornada o Vila de Noia, rematase o encontro con so dúas exclusións cando levaba nas primeiras xornadas unha media de cinco. Apoiouse, e de que maneira, o conxunto local na total permisividade arbitral para pechar a súa portería ante calquera intento dos visitantes, atopando deste xeito o antídoto para o pivote carballés Calvete.

A pesares da avultada derrota os xogadores do Calvo Xiria deixaron na pista todo o esforzo que se lles pode pedir, e de seguro traballarán a reo durante a semana para acadar unha vitoria a vindeira xornada ante outro dos equipos chamados ao primeiro posto.

Incidencias: Partido disputado no Pavillón Municipal do Rosal ante 350 espectadores. Marcador cada cinco minutos: 0-1, 3-4, 5-7, 10-8, 12-9, 16-11, descanso, 20-13, 23-15, 26-16, 29-17, 32-17, 34-17.

Colexiadas: Vanesa Pérez Domínguez e Ana Correa Araújo do colexio galego. Excluíron a Vargas (14´) e Roberto (26´) nos locais e a Sergio (29´), e Brais (51´ e 55´) nos visitantes.

ACANOR ATL. NOVÁS: Kevin García [p], Jorge Pousa (1), Sergey Tsybanev (6), Alex Tsybanev (9), Arkaitz Vargas (1), Ramón Martínez (2), Paulo da Costa (5), Alfonso Malvar [p], Roberto Rodríguez (2), Pablo Sánchez (3), Iago Flores (1), Víctor Armán (1), Noe Treinta (2), David Lechuga (1).
CALVO XIRIA (29: 15 + 14): Alejandro Naya [p], Sergio Facal (2), Javier Rodríguez (3), Martín Alfeirán (1), Brais Puñal (1), Manuel Méndez (1), Jorge Bouzas, Martín Gómez [p], Alejandro Calvete (2), Pablo Iglesias (5), Mario García de Seárez (1), Gonzalo Pombo (1), Julián López, Iván Campos.

Clip_35