Derrota nun competido partido a pesar das circunstancias para o Calvo Xiria Feminino

Derrota nun competido partido a pesar das circunstancias para o Calvo Xiria Feminino

O Calvo Xiria feminino desprazouse este domingo a Vigo para enfrontarse ao Carballal, terceiro clasificado da táboa e un dos conxuntos máis sólidos da categoría. O encontro, que pechaba a primeira volta da Liga, presentábase como unha proba esixente ante un rival que sempre propón un balonmán intenso e de alto nivel competitivo.

A.D CARBALLAL 24 – CALVO XIRIA 22


O choque comezou cunhas carballesas moi activas en defensa, conseguindo frear os vertixinosos ataques do conxunto vigués. A solidez defensiva obrigou ao Carballal a buscar lanzamentos afastados, ben controlados pola zaga visitante. A esa consistencia atrás sumáronse rápidas accións de contraataque que permitiron ao Calvo Xiria anotar con maior facilidade e abrir unha clara fenda no marcador, acadando unha boa ventaxa nos primeiros compases.
Porén, mediada a primeira metade, a pista comezou a presentar malas condicións debido á condensación, o que dificultou o xogo e reduciu notablemente o ritmo do partido. O encontro tivo que deterse para valorar se se podía continuar sen comprometer a integridade física das xogadoras.
Tras o parón, decidiuse reanudar o choque. Con todo, as carballesas regresaron algo desconcentradas, circunstancia que aproveitou o conxunto local para reducir progresivamente a desvantaxe ata situarse a tan só tres goles.
Tras o descanso, ambos equipos optaron por continuar a pesar de que a pista non estaba en condicións óptimas. O equipo carballés amosouse máis incómodo en ataque ante a defensa 5-1 proposta polo Carballal. No apartado defensivo, tamén apareceron maiores dificultades para frear as situacións de un contra un e os lanzamentos exteriores da primeira liña viguesa.
A pesar de todo, as novas carballesas competiron a un gran nivel durante toda a segunda metade, chegando aos minutos finais cun marcador moi igualado. Nese tramo decisivo, varias ocasións claras de lanzamento non atoparon portería, o que permitiu ao Carballal darlle a volta ao resultado e pechar o encontro cun definitivo 24-22.
Máis alá do resultado, e a pesar das múltiples adversidades que marcaron o desenvolvemento do partido, o Calvo Xiria asinou un encontro de gran esforzo e carácter. O equipo pecha así unha primeira volta na que amosou unha liña de progresión salientable e unha clara capacidade para competir ante rivais da zona alta.