Dobre derbi en categoría senior

Avecíñase unha fin de semana de emocións fortes e ambiente de gala para a disputa dos dous derbis entre os clubs E. BM. Xiria e BM. Camariñas. Tanto as mozas do Goldie como os mozos do Calvo Xiria, recibirán o Sábado no Vila De Noia aos seus rivais camariñáns dentro do contexto da liga de 1ª Autonómica e 1ª nacional respectivamente. Os dous conxuntos carballeses seguen na loita por manterse nos postos altos da táboa e tanto para as Goldie como para o Calvo, os partidos son de suma importancia para conseguir o obxectivo.

O Calvo Xiria deberá de impoñer un ritmo alto en labores defensivas para desarbolar o bo ataque dos de Camariñas, cunha circulación rápida de balón e xogadores explosivos que mostran unha alta eficacia no 1×1. A defensa será por tanto clave no devir do encontro e os verdinegros deberán de pechar as liñas de pase e demostrar ese acerto que lles leva a ser o conxunto menos goleado da categoría. No ataque posicional, a circulación de balón e o xogo colectivo é prioritaria na sistemática de ataque, onde os primeiras liñas fagan particiativos aos extremos, tal e como xa ocorrese a pasada semana en Cangas.

Pola súa banda, o Goldie Xiria terá unha doble xornada coa que lidiar e antes de afrontar o derbi  recibirá este Venres a un rival directo polos postos altos. O Asmubal Meaño visitará Carballo por segunda vez, xa que este enfrontamento foi suspendido no seu día pola condensación. O choque disputarase no Ceip Fogar as 21:30 e o marcador reflectía un 8 a 6 favorable ás locais no momento do parón. Prevese un partido disputado, onde a clave estará no acerto nos 6 metros e pechar as liñas de pase próximas en defensa. Xa o Sábado, disputarase ese derbi no Vila de Noia as 18:00h. A priori e dada a diferencia de puntos na clasificación, o Goldie Xiria parte como favorito, pero o factor de motivación terá moito que ver no resultado final.

Xa en categorías de base, a División De Honra saltará a escena o Sábado pola mañá con importantes partidos, entre os que tamén poderemos gozar dos derbis ante o BM Culleredo en categoría infantil e cadete. O Laber Xiria xuvenil, pola súa banda, afronta un partido crucial ante o seu inmediato perseguidor, a SAR de Redondela. Os de Carballo, que gozan dun excelente momento anímico e de resultados, desexan conseguir os dous puntos en xogo para así continuar na persecución do Teucro, agora mesmo na quinta praza e aloxarse ata os cinco puntos do seu rival desta fin de semana na clasificación. Os de Redondela derrotaron pola mínima na primeira volta aos bergantiñáns, así que estes deberán de facer un partido moi completo para poder superar a un rival que nos últimos tempos estáselles atragantado aos de Xiria.

Os cadetes do Grupo Lemaco Xiria, xogan tamén o sábado pola mañá ás 10:00 ese derbi provincial do que falábamos ante o Bm Culleredo. Son dúas xeracións que se coñecen moi ben dos moitos enfrontamentos nos últimos anos. O factor sentimental e a motivación serán importantes e no aspecto táctico a idea pasa por ser fiel ao seu estilo de xogo a través de transicións rápidas e fluidez de xogo en ataque.

Os infantís do Garaysa terano máis complicado, xa que os coruñeses veñense mostrando intratables na competición deste ano. Unha xeración que lidera con solvencia a liga con total autoridade e fronte aos que os xogadores do Garaysa teñen unha moi boa proba para ver a súa progresión con respecto á primeira volta.

Xa en infantil feminino, o Punta del Este Xiria recibe na casa o Seis do Nadal-Coia, o encontro terá lugar o sábado 09/02 as 10:30 na zona escolar Fogar, Carballo. Presentaselles un partido asequible as carballesas, xa na primeira volta foron capaces de facerse coa victoria sen complicacións. Nesta volta as do Punta del Este Xiria tentarán obter un bo resultado.

Na segunda División feminina, o Hierros Varela Urbieta recibe o Sábado as 12.00h ao Bm. Tui que no partido de ida gañou na súa casa por 23-30. Nestes intres o Bm. Tui atópase 4º clasificado con 14 puntos e o Hierros Varela Urbieta Xiria 3º na táboa con 16 puntos. Será un partido interesante entre rivais directo polos postos altos da clasificación. Sábado 9 de febreiro ás 12:00 horas no CEIP Fogar

En categoría alevín e en BM5, o Sábado pola mañá disputaranse partidos aprazados da xornada 3 e partidos da xornada 6. Nesta xornada, a organización correrá a cargo do BM Camariñas no pavillón O Areal.

O Camariñas – Grupo Lemaco e o Camariñas – Garaysa Xiria correspondente á xornada tres, disputaranse ás 10:45 h e 11:30 h respectivamente, mentres que o Laber Xiria – Muxía da xornada seis, tamén sairá a escena ás 10:45 nunha confrontación onde os de Carballo deberán de gañar os catro cuartos se queren permanecer nesa terceira posición da táboa e ao mesmo tempo afastarse do seu perseguidor, o conxunto de Muxía.

Os enfrontamentos entre os conxuntos masculinos e femininos de E. BM.Xiria, Garaysa Xiria – Telepizza Carballo Xiria e Lista Xiria – Grupo Lemaco Xiria, xogaranse en Carballo (Pavillón CEIP Fogar) o Venres ás 18:00 h.