Este domingo, 22 de febreiro, o Calvos Xiria feminino desprazouse ata Poio para enfrontarse ao Balonmano Poio, un conxunto que, a pesar de ocupar a parte baixa da táboa, está a competir con eficacia na maioría dos seus encontros. Este contexto obrigaba ás xogadoras carballesas a ofrecer a súa mellor versión para sumar dous puntos fundamentais e manterse na loita entre a cuarta e a quinta posición da clasificación.
BALONMÁN POIO ARTAI 22- CALVO XIRIA 28
O partido comezou cun equipo visitante moi intenso e veloz, apostando por rápidas transicións e contraataques para intentar marcar o ritmo desde os primeiros minutos. Porén, os erros no transporte do balón dunha área á outra e certa falta de acerto no lanzamento impediron que a diferenza no marcador fose maior nos compases iniciais. En defensa, o cadro carballés amosábase dinámico e activo, aínda que con dificultades para controlar o xogo coa pivote rival e algunhas accións polos extremos.
Co paso dos minutos, e grazas ao aproveitamento de varias das ocasións xeradas, así como a unha boa secuencia de accións defensivas, o Calvo Xiria conseguiu abrir fenda no marcador ata acadar unha vantaxe de catro goles ao descanso.
Na reanudación, o encontro esixiu un esforzo adicional. O equipo sufriu máis na faceta defensiva, especialmente para frear os lanzamentos exteriores desde os nove metros do conxunto local. En ataque posicional, cando lograban mover o balón con criterio e xerar circulación sen balón, creaban situacións de moito perigo para a defensa do Poio, aínda que continuaron aparecendo algunhas precipitacións e erros puntuais de cara a portería.
Con todo, as carballesas souberon manter a calma, non perderlle a cara ao partido e xestionar a súa vantaxe para pechar o choque cunha importante vitoria por 22-28.
https://tiivii.tv/videodetail/6784
A vindeira semana agarda outro compromiso de gran relevancia, no que volverá ser vital puntuar para seguir asentadas na zona alta da clasificación.


