Empate de valor en Moaña para o Calvo Xiria Feminino

Empate de valor en Moaña para o Calvo Xiria Feminino

Este domingo, día 30, o equipo carballés Calvo Xiria feminino enfrontouse ao Samertolameu de Moaña, no pavillón de O Rosal (Moaña). O encontro puxo cara a cara ao xoven conxunto carballés e a un difícil e experimentado equipo moañés. Ambas escadras chegaban nunha gran dinámica de xogo, polo que se agardaba un partido moi igualado.

O comezo do encontro estivo marcado polos desaxustes defensivos do Calvo Xiria e polas dificultades para atopar gol fronte á rocosa defensa do equipo de Moaña. Co paso dos minutos, as carballesas foron axustando a defensa e soltándose en ataque, aínda que chegaron ao descanso por debaixo no marcador por catro goles 14-10.

Trala volta dos vestiarios, o equipo carballés cambiou por completo: mellorou notablemente a defensa, condicionou o ataque rival e comezou unha remontada progresiva ata igualar o partido. En ataque, cun ritmo máis dinámico, lograron conectar pases que abrían espazos clave para finalizar con comodidade. Así, chegouse aos minutos finais cunha igualdade máxima, podendo gañar calquera dos dous equipos.

O encontro rematou finalmente en empate, despois de que o Samertolameu fallase un penalti no último minuto e o Calvo Xiria non conseguise anotar na súa última acción. Resultado final: 23-23. Punto que sabe a dulce para as carballesas pola reacción e por enfrontarse a un experimentado equipo.