O sábado ás seis da tarde disputa o Calvo Xiria no Vila de Noia o partido da 18ª xornada da 1ª Estatal ante o Acanor Atl. Novás. De vital importancia os puntos para dous equipos metidos de cheo na pelexa por acadar unha das prazas que dan acceso á fase de ascenso. Non o terán doado os carballeses, que terán que traballar moito dende a defensa para marcar o ritmo de partido que máis lles interesa, e por suposto manter o tino de cara ao gol da pasada xornada en Lalín. No bando contrario moita experiencia, xogadores que xa saben o que é a Asobal e a División de Honra, un proxecto feito para ascender.
Todos os xogadores están en disposición de entrar en convocatoria, mais non será até o derradeiro adestramento cando se saiban os elixidos para tratar de lavar a afronta infrinxida na primeira volta polo conxunto do Rosal. De seguro que non se gardarán nada os verdibrancos para acadar o dobre obxectivo desta xornada, sobre todo co apoio dos seus incombustibles seareiros.
E na División de Honra triplo enfrontamento o sábado perante a SD Teucro no Multiusos da Xunqueira, infantís e cadetes abrirán a xornada ás 10:00 mentres que os xuvenís xogarán ás 12:00. O Garaysa Xiria, que ocupa a 8ª praza, tentará xogar ao mesmo nivel que a pasada xornada durante o primeiro tempo, e reducir así distancias co seu rival, o Teucro, que ocupa a 7ª praza. Pola súa parte os cadetes do Grupo Lemaco, poderían recuperar a cuarta praza da clasificación en caso de imporse ao seu rival, situado por encima a tan só un punto. Os carballeses non poderán contar con Sergio Pombo, que segue de baixa por lesión. Na categoría xuvenil enfrontamento entre os dous primeiros clasificados. Xoga o Laber Xiria ante un conxunto que conta os seus partidos por vitorias e fronte ao que terán que mostrar o seu mellor xogo e a máxima concentración os si queren saír vitoriosos. E o equipo de liga territorial infantil viaxa a Viveiro na mañá do sábado. O Marmolería José Rey Xiria terá un duro enfrontamento contra os lucenses, 4º clasificados cun punto máis que os nosos e con xente moi grande nas súas filas. O Marmolería tentará traer os dous puntos de volta e acadar así esa 4ª praza que da dereito a xogar a liga polo ascenso.


