Enorme partido do Goldie Xiria Carballo Turismo

O Goldie Xiria Carballo Turismo, asinou o pasado sábado en Redondela, o que quizá foi o mellor partido de toda a tempada. As carballesas conseguiron completar o encontro cunha maior regularidade no xogo, obxectivo que se perseguía insistentemente ao longo das xornadas.

As de Xiria demostraron un funcionamento defensivo sobresainte e, en conxunción coa porteira Nadia, fixeron desta faceta a pedra angular da súa vitoria. O acerto na retagarda permitía ao equipo despregar a súa velocidade, tanto en primeira como en segunda onda e aí, os lanzamentos de Jessica, Tamara e Aida, eran letais.

A diferenza de catro goles ao descanso (11-15) antollábase cómoda, pero nunca definitiva, aínda que as de Xiria ofrecían excelentes sensacións no xogo.

O seguintes trinta minutos foron un calco dos primeiros, mesmo no que ao resultado parcial refírese. O Goldie Xiria Carballo Turismo continuaría asinando un partido serio, sen erros, sen fisuras e a pesar que as locais o tentarían co 7×6, enseguida quedaría desbaratada eta opción ante o bo funcionamento agora da 5:1 bergantiñá con Elena no avanzado. A presión da SAR desde o medio campo, tampouco causou problemas maiores ás carballesas e a mobilidade entre liñas e o xogo sen balón, sentenciaban un partido brillante por parte do Goldie.

SAR Ledisson: 22 (11+11). Natalia, Carmén (1), Ana (1), Erika, Catalina (2), Carla (1), Iria (1), Sara Mª Elena (2), Laura (4), Catarina, Claudia (8), Lucía, Begoña (2).

Goldie Xiria Carballo Turismo: 30 (15+15). Nadia Campos (p), Carla Santiago (2), Aida Vizcaino (4), Tamara Pombo (3), Laura Barbeira (4), Minia Calvo (1), Jessica Posse (3), Natalia Solís (2), Saray Couto, Alba Rodríguez (4), Elena Segade (5), Eva Calvelo (1), Sheila Ferreiro (1).

Colexiados: José Angel Rodríguez e Inocencio Pérez. Non influiron no resultado final.

Parciais cada 5´: 2-2 / 4-4 / 5-7 /9-6 / 7-12 / 11-15 – Descanso – 11-19 / 13-20 / 14-22 / 16-25 / 19-28 / 22-30 – Final.

Incidencias: Encontro correspondente a 20ª xornada na 1ª autonómica feminina disputado no pavillón da Bombonera en Redondela ante un centenar de persoas.