O Laber Xiria, impúxose na primeira xornada da fase final xuvenil que estes días se está disputando no Vila De Noia de Carballo. O seu rival, o AD.Carballal, campión da segunda división da categoría, mostrou moita intensidade e ganas por competir, pero aguantou tan só vinte minutos e acabou por sucumbir ante o conxunto verdinegro.
A pesar da diferenza final (33-19), non foi un partido plácido para os bergantiñáns, que tiveron que traballar moito e ben os sesenta minutos de xogo, ante un equipo que nunca se deu por vencido e puxo bos argumentos sobre o parquet do pavillón carballés.
Despois dos primeiros minutos, onde a sobreexcitación e a tensión do partido inicial atenazaba a ambos os conxuntos, os locais canalizarían o camiño que lles levaría á vitoria final grazas á perfecta sociedade entre a súa retagarda e o contragolpe en segunda onda, alcanzando un parcial de 9-3 en dez minutos que dinamitaría o envite a favor do Laber Xiria. O 15-8 ao descanso, non era nin moito menos definitivo, pero si constituía unha cómoda e importante vantaxe para afrontar a continuación.
Na segunda parte, os de Carballo dominaron perfectamente os tempos do encontro e ante os riscos que tivo que asumir o rival para achegarse no marcador, mostráronse serenos, sacando proveito tanto ás accións individuais como colectivas, superando á defensa en mixta do Carballal. Na xornada de mañá e despois da vitoria do Teucro ante o Luceros (22-25), parece que os dous conxuntos, o de Carballo e o de Pontevedra, disputarán un encontro de gran transcendencia para o devir da competición. O partido, que dará comezo ás 20:00, farao despois doutra gran cita; o duelo de primeira nacional polo liderado entre o Calvo Xiria e o Chapela.
Laber Xiria: 33 (15+18). Antonio Mato (p), Carlos Vilanova (3), Gabriel Castiñeiras (7), Juanka (11), José Pereira (1), Iván Calvo (6), Borja Rodríguez-Equipo Inicial-Manuel Souto (p), Fran Rey, Roi Alfeirán, Alex Figueroa, Andrés Vila (2), Ronaldo Durán (1), Kevin Santos (1), Tito (1), Dani Esmorís.
AD.Carballal: 19 (8+11). Jorge, Samuel, Daniel, Pablo (8), Xabier (2), Vilaboa (1), Sergio, Jesús (1), Yago, Julio, Borja (2), Navarro (1), Javi (2), Brais (1), Roi, I.Martínez (1).
Parciais cada 5´: 2-1/3-2/5-4/10-6/14-7/15-8/Descanso/17-10/21-12/26-14/29-16/30-17/33-19.
Colexiados: Julio Villanueva e Silvia Vázquez. Excluiron con dous minutos a Fran Rey, Carlos Vilanova, Gabriel Castiñeiras, Roi Alfeirán e Iván Calvo polos locais e a Daniel, Xabier, Yago, Jorge, Javier e Roi por parte dos visitantes.
Incidencias: Douscentas persoas, siareiros de ambos conxuntos, se deron cita no Vila De Noia para presenciar o primeiro encontro do Laber Xiria nesta fase final.
Fotos do encontro:










