GARAYSA XIRIA 29 – S.D. TEUCRO NORBROK 21 29

XORNADA 17

17/02/2013

Garaysa Xiria: 29 (18+11): Carlos (10), Vila (4), Ronaldo, Antonio, Tito (6), Souto, Antón (1), Xurxo, Juanca (6), Fran (2), Andy.

S.D. Teucro Norbrok 21: 29 (13+16): Rabuñal, Schipper, Sánchez (3), Paz, Araujo (5), Gómez (10), Lorenzo (4), Noya (4), Ameijeiras, Alonso (3).

Colexiado: Pablo González Fernández

O Garaysa Xiria acadou esta fin de semana un empate moi valioso ante o líder da competición, a S.D. Teucro, xogando o seu mellor partido ata a data.

Os carballeses saíron moi motivados ao encontro, conscientes da dificultade pero con moitas ganas de plantarlle cara ao seu rival, líder da táboa e que chegaba a Carballo cun só punto perdido en 16 partidos.

O Xiria non tardou en colocarse por diante no marcador. A intensidade dos locais, que máis que xogadores semellaban loitar coma auténticos guerreiros, chocaba co desconcerto do Teucro, pouco acostumado a ir perdendo e que se viu desbordado pola defensa presionante do Xiria que provocaba constantes erros no ataque teucrista. Os locais, vendo que a vantaxe se mantiña durante toda a primeira metade, comezaron a crer nas súas posibilidades e, lonxe de baixar a intensidade do empuxe inicial, foron a máis, celebrando cada gol, cada parada e cada boa defensa coma se fose a última.

Ao descanso o 18-13 deixaba moi boas sensacións para o segundo tempo, pero ante un rival da calidade do Teucro aínda non había nada gañado.

No inicio da segunda metade a defensa do Xiria cometeu un par de erros nos apoios que foron ben aproveitados polo Teucro para reducir a vantaxe. Sen embargo estes guerreiros non ían deixar escapar todo o traballo feito ata ese intre e pronto o equipo recuperou o tono defensivo da primeira parte.

Os últimos 15 minutos do encontro foron de auténtico infarto. O Teucro acadaba o empate, o Xiria empuxaba de novo e recuperaba a renda de 4 goles, o Teucro volvía acadar o empate, último minuto, o Teucro ataca para empatar, erro, o Xiria corre pero sen tempo para lanzar a porta morre co balón nas mans no último ataque e asina un empate moi meritorio, empate que o Teucro celebra como unha vitoria.

Parabéns ao Garaysa que asina o seu mellor encontro da tempada e demóstrase a si mesmo que cando loitan arreo son capaces de gañar a calquera equipo da táboa.