GARAYSA XIRIA 34 – SEIS DO NADAL COIA 29

XORNADA 19

03/03/2013

Garaysa Xiria 34 (13+21): Antonio [p], Carlos (10), Fran (1), Andrés (13), Andy (3), Tito (2), Brais (2) -sete inicial- Manuel [p], Xurxo (1), Dani (1), Ronaldo, Antón (1).

Seis do Nadal Coia 29 (14+15): Yuste [p], Rivas (5), Díaz (5), Román (3), Gayo (8), Cameselle (2), García (2) -sete inicial- Alonso, Rodrigo (1), Guimerans, Domínguez (1), Portela (1), Millos (1), Del Río.

Colexiado: S. Vázquez Román e J. M. Vázquez Román

Boa entrada no Pavillón Municipal Carballo Calero con preto de 100 persoas nas gradas, 20 desprazadas dende terras viguesas. Exquisito comportamento de todos os seareiros, animando aos seus xogadores sen descanso.

O partido comezaba cun pequeno retraso de dez minutos que pareceu coller a contra pé aos xoves xogadores carballeses, que non foron quen de manterse activos como era preciso, quizais polo retraso ou quizais polo resultado da primeira volta no que acadaron unha contundente vitoria por 48 – 25.

Fose polo que fose, este feito custoulle ao Garaysa os primeiros 25´ que foron de clara cor viguesa con vantaxes que chegaron aos catros goles. A defensa non era capaz de frear o ataque visitante que con continuos desdobramentos de xogadores de máis talla que os seus defensores provocaban erros no marcaxe directo e nas axudas. Nestes intres Antonio na portería carballesa foi o que mantivo aos verdibrancos no partido. Non pintaban mellor as cousas en ataque contra unha defensa moi pechada, de inicio un 5:1 que acabou convertida non 6:0 ao máis puro estilo alemán. Non podían os carballeses xogar co pivote nin dar vantaxes aos extremos e a falta de confianza no lanzamento exterior impedía chegar á portería do Coia con claridade. A saída de Xurxo no ataque local trouxo frescura e novas ideas que abrían un novo camiño aproveitado no lateral dereito por Andrés.

Cun resultado de 13–14 o mellor que podía pasar chegou, o tempo de lecer, traendo consigo a posibilidade para o Garaysa de aclarar ideas e centrarse no encontro.

E así foi. O equipo que se viu no segundo tempo foi moi superior ao seu rival e so a actuación do porteiro visitante impediu unha maior vantaxe ao remate do encontro. Se na portería o nivel foi o mesmo pero cambiando de nome, Manuel por Antonio, no resto das facetas do xogo o equipo carballés amosou unha cara ben distinta: presión abafante na defensa que permitiu roubar balóns para correr o contraataque e profundidade no ataque que permitía deixar a compañeiros con clara opción de lanzamento. Nesa faceta Andrés e Carlos tiraron bo proveito do traballo feito polo resto do equipo, converténdose con 23 goles entre os dous nos estiletes ofensivo do Garaysa.

Así as cousas, non houbo resposta por parte dos xogadores vigueses a pesar de entregarse ao 100% ante un conxunto, o Garaysa Xiria, que no día de hoxe amosouse superior no computo xeral do partido. Mais deben aprender os carballeses desta experiencia que cada partido hai que traballalo ao máximo, e que ese traballo comeza dende o momento no que se entra no pavillón e remata cando se sae do vestiario.