Gran vitoria del Calvo Xiria Femenino en Novo Mesoiro

Gran vitoria del Calvo Xiria Femenino en Novo Mesoiro

O Calvo Xiria feminino desprazouse esta fin de semana a Novo Mesoiro para medirse ao Balonmán Brigantium, un rival directo das carballesas e ante o que se prevía un encontro moi igualado de principio a fin, como finalmente así foi.

BM BRIGANTIUM NUNEGAL 22 – CALVO XIRIA 24

O inicio do partido estivo marcado polos despistes defensivos do conxunto carballés, que tiveron que ser compensados polas intervencións de gran nivel da porteira, clave para soster ao equipo nos primeiros minutos. En ataque, ás carballesas custoulles atopar ritmo no xogo posicional, incorrendo en continuas faltas que impedían dar fluidez ás accións ofensivas.

Co paso dos minutos e xa durante a primeira metade, o Calvo Xiria conseguiu mellorar no apartado defensivo, cunha maior saída sobre as xogadoras con balón e algo máis de control da liña de seis metros. Porén, no plano ofensivo, os goles chegaban principalmente a través de accións individuais ben resoltas, sen lograr encadear fases de bo xogo colectivo. A pesar diso, o equipo carballés chegou ao descanso cunha lixeira vantaxe no marcador (8-9) ao seu favor.

Á saída dos vestiarios, o Calvo Xiria amosouse máis centrado e dinámico, cunha defensa máis activa, aínda que seguía custando pechar a liña de seis metros fronte á pivote rival e regular a saída a xogadora de balón. En ataque, viuse unha maior mobilidade de balón e de xogadoras, xerando lanzamentos claros, se ben non sempre acompañados do acerto necesario.

Nesta segunda parte, o equipo carballés soubo competir moito mellor, malia cometer algúns erros. A intensidade, as ganas e a irregularidade coa que se desenvolvía o encontro permitiron ás carballesas ir acadando pequenas rendas no marcador.

A pesar da mellora evidente tras o descanso, o partido chegou a un final moi igualado, no que, por fortuna, o Calvo Xiria feminino soubo manter a calma nos últimos instantes e, grazas a estar máis centradas, conseguiu pechar o encontro cunha vantaxe final de dous goles.

Un bo partido que serve para seguir medrando e consolidando a progresión deste equipo carballés.