Gran vitoria do Calvo Xiria Feminino nun animado Vila de Noia.

Gran vitoria do Calvo Xiria Feminino nun animado Vila de Noia.

O pasado sábado 14, o Calvo Xiria Feminino afrontaba na casa un encontro clave ante un rival directo como o Seguros M Vieito Balonmano Xallas. O choque presentábase moi igualado, con dous equipos caracterizados por defensas intensas e un ritmo alto de contraataque.

CALVO XIRIA 21 – SEGUROS M VIEITO BM XALLAS 14


O inicio do partido estivo marcado por unha defensa carballesa moi activa, capaz de frear os potentes un contra un das atacantes visitantes. A isto sumouse un xogo de transición veloz, tanto en primeira como en segunda oleada, que permitía ás locais chegar con rapidez á portería rival, aínda que nos primeiros compases faltou acerto na definición.


Malia iso, o xoven conxunto de Carballo comezou a abrir pequenas fendas no marcador. A solidez do bloque defensivo, con numerosas anticipacións e axudas constantes, dificultaba enormemente a circulación ofensiva do Xallas. En ataque, cando o equipo conseguía dinamismo e continuidade no pase, atopaba situacións claras de lanzamento que marcaban diferenzas. Así chegábase ao descanso cunha vantaxe local de 13-7.


Tras o paso polos vestiarios, o Calvo Xiria mantivo a súa intensidade defensiva, aínda que nos primeiros minutos custoulle transformar as recuperacións en goles, perdendo varios balóns en contraataques algo precipitados na segunda oleada. Con todo, a firmeza atrás permitiu soster a vantaxe.
Co paso dos minutos e cun ataque posicional cada vez máis fluído, o conxunto carballés foi ampliando a diferenza no electrónico. No treito final non houbo reacción visitante e o Calvo Xiria dominou con claridade ata pechar o encontro cun contundente 21-14.


Vitoria de moito mérito e moi traballada para o equipo feminino do Calvo Xiria, que lle permite manter diferenzas cun rival directo e reforzar a súa dinámica positiva.