Campioas galegas!

Campioas galegas!


O equipo cadete feminino de Escolas de Balonmán Xiria, o Grupo Lemaco Xiria A proclamouse campión da liga galega Ouro tras vencer ao Prefabricados Faro Bm Lalín na 17ª xornada, asegurando o título a falta dunha xornada para o final da competición.
Este logro é histórico para o club, xa que é a primeira vez que un equipo de categorías base da sección feminina acada un campionato de liga.

Este éxito reflicte o traballo, esforzo e dedicación das xogadoras, corpo técnico e directiva do club, así como o apoio incondicional da afección ao longo de toda a tempada. Escolas de Balonmán Xiria, continúa apostando polo deporte feminino e a formación de novas promesas no balonmán galego.

A vitoria do Grupo Lemaco Xiria A non só enriquece o palmarés do club, senón que tamén serve de inspiración para as futuras xeracións de xogadoras que desexan seguir os seus pasos. Posiblemente xa, estes sexan algúns froitos da semente que plantou o equipo senior feminino co título de liga acadado en 2023.

Este logro histórico é unha mostra do compromiso e dedicación de todas as persoas involucradas no proxecto do balonmán feminino en Carballo.

Este título de liga dalles dereito a disputar o campionato de España, sen pasar pola Final a 4 que xogaran ata o 5º clasificado.

Con 29 puntos, 17 victorias, 1 empate e 2 derrotas; desputaran en Carballo a última xornada de liga ante o Balonmán Chapela o 23 de marzo. Pase o que pase, poderán desfrutar ca afección na casa deste campionato ligueiro.

O equipo dirixido por Alejandro Arias «Zarra» e Daniel Angeriz «Mafi» (2º adestrador), que acadou este histórico fito está formado por: Ana Antelo, Elena Rodríguez, Julia Verdes, Lorena Ngnipa, Lucia Ngnipa, Mencia Rodriguez, Natalia Varela, Sofía Rey, Xulia Suarez, Lara Varela, Lucia Castiñeiras e Sara Trigo

Noraboa rapazas! 💚