Grupo Lemaco A e B acadan a vitoria no inicio do ano

Grupo Lemaco A e B acadan a vitoria no inicio do ano

GRUPO LEMACO B:

O conxunto B, asediado polas ausencias de Julia Verdes, Noa Quintela, Sam e Andrea tivo que viaxar ata Vilagarcía para enfrontarse ó Arousa na tarde do sábado, un rival que tamén se atopaba na mitade da táboa a tan só un punto de diferenza.

Desde o comezo do encontro quedou patente a dificultade para anotar por parte de ambos conxuntos por mor da intensidade defensiva e a efectividade das porteiras. O xiria atopou máis oportunidades que as locais na liña de 6m e abriu máis espazos na zona de 9m para o lanzamento exterior, pero a precipitación e a gran falta de acerto de cara a portería (moi por debaixo do 50%) mantivo o electrónico en táboas (7-7) ata a metade do encontro.

Coas ideas moito máis claras, o inicio da segunda metade xa amosaba unha ampla diferenza no xogo, chegando a situacións moito máis cómodas grazas a continuación do balón para as segundas liñas, que sumado a un maior acerto de Xulia na liña de 9m impulsou ás visitantes no marcador cunha ampla vantaxe que mantiveron ata o remate do encontro, sen disminuir o ritmo defensivo en ningún momento.

Sufrida e traballada vitoria que leva ó Grupo Lemaco B á terceira posición na táboa, empatando a puntos co Moaña. Malia as lesións das defensoras centrais do conxunto, agora toca seguir traballando para continuar coa mellora que ven a ofrecer nas últimas xornadas.

GRUPO LEMACO A:

O Grupo Lemaco A acougaba ó Lavadores B no Vila de Noia na mañán do sábado para buscar a séptima vitoria consecutiva e manterse á cabeza da clasificación.

Desde o inicio, o Grupo Lemaco puxo terra de por medio a base de interceptar balóns e encadenar con contraataques de primeira oleada ata o (8-1) no minuto 7. As visitantres tiveron que cambiar o ritmo do encontro e asegurar máis o traslado do esférico para alongar a posesión de balón e atopar ocos na defensa local, que arriscaba moito nas saídas. Tras unha etapa de menor intercambio de goles, as diferenzas no electrónico seguiron medrando paulatinamente ata chegar ó intermedio 18-6.

O descanso serviu ó Xiria para recompoñer a defensa o correxir erros, saíndo ó campo con moitas máis axudas na liña de seis metros e mellor toma de decisión nas saídas en profundidade. A defensa foi tan efectiva que Lavadores non foi quen de atopar portería ata ben pasados os (36-6), onde se detivo o marcador por chegar a unha vantaxe de 30 goles ata o final do partido.

Agora o equipo ten unha xornada de descanso para seguir preparando os derradeiros partidos de liga tras unha primeira volta impecable.