Grupo Lemaco A segue en racha

O Grupo Lemaco A viaxou ata Vigo para enfrontarse o Galicia Social na primeira xornada da segunda volta.  Cun inicio de partido contundente onde os primeiros catro goles foron transformados polos extremos ante o 6:0 en bloque das viguesas mentres pechaba toda opción as rivais na liña de seis metros, o Xiria acadaba o (0-4) no minuto 5 sen signos de debilidade. Os bloqueos de pivote e algún erro de interceptación permitiron estrear o marcador ás locais, aínda que o resultado non cambiou demasiado malia os trocos nas filas verdes, marchando ó descanso (6-14).

Nos primeiros minutos da segunda metade quedou patente que o encontro seguiría a mesma dinámica, xa que ante a reticencia a saír da liña de seis metros, o Xiria comezou a atopar meta por medio dos lanzamentos exteriores mantendo o conteo de tantos estable. Por outra banda, o Galicia Social finalmente atopou espazos mediante as penetracións entre exterior e segunda na zona esquerda coa axuda dos bloqueos de pivote. O intercambio de goles continuou durante os derradeiros quince minutos, pero en ningún momento a diferenza foi reducida. 

Outra sólida vitoria con reparto de goles deixa con bo sabor de boca ó Grupo Lemaco A, que seguen a encabezar a liga prata de forma invicta a seis xornadas da segunda fase.