GRUPO LEMACO XIRIA 40 – SD TEUCRO COVER 35

XORNADA 13

27/01/2013

Grupo Lemaco Xiria: 40 (18+22): Buño, Dani (2), Calvo (3), Enrique (9), Iván (10), Diego (1), Lolo (10) -equipo inicial- Manuel, Gabriel (3), Pereira (1), Andrés, Borja, Álex, Pablo (1).

SD Teucro Cover: 32 (16+19): Miguel, Sergio (5), Arosa (7), Aser (9), Andrés (10), Diego (1), Marcos (2) -equipo inicial- Dani, Cristian (1), Óscar, Álex, David, Rey, Pérez.

Colexiadas: Tania Rodríguez e Tatiana González.

Gran partido o xogado polo rapaces do Grupo Lemaco Xiria con vitoria contra un potente Teucro que engancha de novo aos de Carballo na loita polas primeiras prazas.

Comezou moi ben o equipo carballés e xa nos primeiros minutos o técnico visitante tiña que pedir un tempo morto, tras un parcial de 5-1, para frear o ritmo imposto polos locais. Despois deste minuto de instrucións, o Xiria seguía a comandar o encontro e no paso polo minuto dez a diferenza era de tres goles a prol do Xiria (8-5). A partires de aí as cousas igualáronse moito máis, aínda que os verdes mantiñan a cabeza sempre por diante no electrónico. Os contragolpes destrozaban aos visitantes e no ataque posicional, os rapaces do Lemaco atopaban na circulación de balón a súa mellor arma para desestabilizar a defensa do Teucro e acertar coas mallas contrarias, tanto nas penetracións a seis metros como nos lanzamentos dende nove. Un 18-16 na retirada ao descanso e a intensidade mostrada daban moitas esperanzas de que os dous puntos se quedaran na casa.

Na reanudación o Xiria saíu como un furacán e, cun parcial de 9-5, conseguía unha máis que cómoda renda no paso polo minuto dez (27-21). O técnico pontevedrés xogábase todas as cartas cunha mixta a Iván, pero no 5×5 e con máis espazos os locais batían unha e outra vez a portería do seu rival. Non encontraban solucións os do Lérez, nin cunha mixta nin con dúas eran capaces de frear a estes cadetes do Xiria que, no día de hoxe, ían lanzados e absolutamente decididos cara a vitoria. O resultado final de 40-35 achega ao Grupo Lemaco a tres puntos dos pontevedreses e a cinco das dúas primeiras prazas, con toda a segunda volta por diante e con enfrontamentos directos, onde, os de Xiria non poderán fallar si queren ocupar unhas das dúas primeiras posicións ao remate da liga.

A vindeira fin de semana, outro durísimo encontro, desta volta exercendo como visitantes ante o Balonmano Porriño.