Malia que o grupo cadete do Xiria non comezou o partido coa boa defensa que viña amosando as pasadas xornadas, abrindo as portas con facilidade a un Ribadosar que chegaba á liña sen moito esforzo (11-7), non tardaron moito en volver a coller a dinámica para chegar ó descanso cunha cómoda vantaxe (21-13).
Na segunda metade os numerosos e reiterados erros de lanzamento recortaron a distanza no electrónico a seis tantos, pero os trocos e novos folgos en defensa permitiron roubar numerosos balóns e transformar con facilidade en contraataque, poñendo terra de por medio e acadando os puntos con solvencia (39-25) tras un encontro con luces e sombras.
Agora o Vila de Noia agarda a chegada dun OAR Coruña que non vai permitir tantos erros. Toca adestrar con intensidade e prepararse cara a fin de semana.


