O grupo cadete do Xiria non comezaba con bo pé o encontro ante un acertado Abegondo que atopaba resposta ante as dificultades propostas polo 5:1 defensivo das camisolas verdes. Non tardaron moito en coller vantaxe co (9-5) inicial, pero o troco a 6:0 e un cambio nos roles defensivos permitiron pechar a cancela a un Xiria que comezaba a retomar os mandos do encontro. O tempo morto e a rotación no banco carballés aportaron a resistencia necesaria para seguir correndo todos os contraataques e darlle a volta ó marcador para marchar cara os vestiarios cun cómodo colchón (20-25).
Na segunda metade o Xiria continuaba na súa liña goleadora, con un máis que atinado Saúl no lateral dereito para atopar a escuadra local, pero o Abegondo redobraba os seus esforzos defensivos para manter un largo pulso que se decantaba gradualmente para o Xiria. No minuto 55 e co (36-45) no electrónico, os locais subiron a unha defensa 3:3 moi presionante para interceptar todas as liñas de pase dun rival autocomplacente co resultado. O doloroso parcial de 6-0 nos derradeiros cinco minutos deixaba un sabor amargo tras unha gran labor ó longo do partido (42-45).
BM ABEGONDO OPEMAT 42 – 45 HIERROS VARELA URBIETA XIRIA