IFECGÁS PEREIRA XIRIA 37 – BM. ÁRTABRO 31

XORNADA 17

17/11/2012

Ifecgás Pereira Xiria: 37 (19+18): Zúpez, Anes (5), Julián (9), Javi, Rubén (2), Calvete (4), Jorge (11) -equipo inicial- Edu (1), Óscar (1), Fidi, José, Alberto (1), Iván (1), Enrique (2) .

Bm. Ártabro: 31 (14+17): Adrián, Antón (2), Pablo (10), Rubén (9), Álex (3), Iago (5), Duarte (2) -equipo inicial- Ángel, Jorge, Manuel, Omar, Varela, Álvaro.

Colexiados: Pablo Álvarez e Lucas Crespo.

Non foi un bo partido o que fixo o Ifecgás Pereira Xiria no derbi provincial contra o Balonmán Ártabro (sétimo clasificado con 14 puntos) . Os bergantiñáns non foron o equipo intenso en defensa e dinámico no ataque que estamos acostumados a ver e os coruñeses fixeron moito dano no xogo co pivote. Foron estes últimos os que puxeron máis intensidade no xogo e estiveron máis combativos, pero ao final decidiu a maior calidade dos xogadores de Carballo.

O encontro prevíase complicado, xa que o Ártabro estaba a conseguir moi bos resultados contra equipos da zona alta da táboa clasificatoria. A igualdade foi a tónica xeral do partido e o Ifecgás Pereira non puido deixar de traballar ata o pitido final, aínda que, non é menos certo, dispuxo sempre de vantaxes cómodas dende o inicio do envite. No descanso o electrónico sinalaba un 19-14 a prol dos locais, pero as sensacións non eran de todo boas no terreo de xogo.

Comezaba a segunda parte e o primeiro parcial ao pasar polo minuto dez era para o Ártabro (6-7). A retagarda dos de Carballo no estaba fina no día de hoxe, o xogo co pivote facía moito dano e producíanse moitos erros no cambio de opoñente. O ataque visitante sempre se impuxo á defensa local, onde non existía profundidade e tanto a basculación defensiva como a disuasión mostrábanse moi deficitarias. A pesar de todo e aínda que os de Xiria non mostraron un xogo excelso no posicional, si conseguían perforar a portería contraria de forma sinxela para establecer o marcador final de 37-31 e levarse os dous puntos en xogo, importantísimos para seguir a loita polo primeiro posto da clasificación (29 puntos ao igual co Lalín) e para poñer distancia cos inmediatos perseguidores (OAR 24 puntos).

A vindeira fin de semana o Ifecgás Pereira Xiria recibirá ao Cisne Bm., antepenúltimo na clasificación con 6 puntos, pero que xa puxera en moitos apertos aos de Carballo na primeira volta (25-29). O encontro disputarase no Vila de Noia o domingo ás 12:15 h. Importantísimos os dous puntos en xogo para seguir na disputa polo primeiro posto da clasificación co Balonmán Lalín e para poder certificar canto antes o segundo de forma matemática.