U.B. Lavadores 30 – Grupo Lemaco Xiria 31 (16-16)
Primeira xornada da Liga Ouro que da acceso a clasificarse para o Campionato de España, o Grupo Lemaco Xiria encadrado no grupo A, disputaba o primeiro partido na difícil cancha do Lavadores vigués, e tras un igualado choque, conseguía derrotar ao rival pola mínima.
Non as tiña todas consigo o Xiria pois acudía a Vigo con considerables baixas nunha plantilla xa de por si curta, pero foise refacendo e rebuscando nas diversas opcións para ao final acabar impoñéndose pola mínima 30 a 31.
Comezaba o grupo Lemaco falto de ritmo e cunha defensa demasiado débil ante a superioridade física do rival, con bastante maior envergadura nos seus compoñentes. Tampouco funcionaban as cousas no ataque, onde a circulación do balón duraba un chío, e as perdas facían que os rivais se plantasen sos na contra diante de Alex. Tratando de buscar solucións en ataque, con maior mobilidade e apremando máis nas marcaxes defensivas, o Xiria conseguía poñerse por diante para rematar empatado na primeira metade.
Mudou a defensa o Lavadores, marcando de cerca aos primeira liñas carballeses e atopou efectividade, volveu a precipitación e as perdas de balón no ataque do grupo Lemaco, o que permitía tomar renda de 6 goles aos olívicos.
O partido e a posibilidade de vitoria esfumábase para o Xiria a so 12 minutos do final, pero foi capaz de refacerse, combinou ben en ataque con desmarques continuos e sobre todo imprimiu maior solidez defensiva ao dar un paso de anticipación nas súas accións, foise achegando no marcador e xa na recta se situaba por arriba, xogou ben os derradeiros minutos e físoxe cos dous puntos.
U.B. Lavadores 30 (16): Lucas García, Diego González 1, Xaime Sabín 2, Brais Martínez 7, Diego González 3, Pablo Comesaña 5, Carlos Figueroa 3, Juan Aranda, Hugo Losada, Alexandre Castelao, Diego Fandiño, Daniel Comesaña 4, Jacobo Crespo 2, Mario Martínez 3 e Oscar Elertondo
Grupo Lemaco Xiria A 31 (16): Alex Vázquez (porteiro), Samuel Veiga, Erik Vázquez 6, Angel Viña 6, Alberto Rodríguez 2, Xurxo Fraga 7, Samuel Regueira 4, Marcos Amarelle 5, Hugo García e Miguel Cambón 1
Arbitraron: Alejandra Reinaldo e Pedro Pérez