Importante vitoria para o Calvo Xiria coa súa afección entregada á causa

O duelo entre o Calvo Xiria e o Saeplast Cañiza saldouse do lado dos carballeses; nun partido no que se foron distanciando aos poucos cunha diferenza máxima de 5 goles, e que os visitantes apertaron na segunda parte, e nos instantes finais, coa afección envorcada ao lado local; o mellor acerto tanto en accións ofensivas como defensivas decantaron un encontro de altas emocións para todos.

Dez minutos foi o que se tardou en desfacer a igualdade no marcador (5-5), con dous equipo entregados á súa causa e buscando levar o partido ao ritmo que máis lles conviña. O Calvo Xiria cunha gran defensa, poñía contra as cordas a un Cañiza que tirou de recursos tácticos, xogando 7×6, para buscar o camiño do gol. Pero a colaboración defensa-portería funcionaba e o Xiria xogaba cómodo para posteriomente en ataque posicional, definir as situacións de lanzamento e irse ao descanso con vantaxe (15-11)

Tras o paso por vestiarios, Adrián Losón xeraba desaxustes no armazón defensivo pero Darío Calviño, collía a testemuña na portería e mantiña as distancias cunha serie de excelentes paradas, ata que viu a exclusión cando quixo cortar un contraataque de Martín Rial. Foron minutos de dúbidas para o Calvo Xiria; que viu como o seu rival se achegaba no marcador. O cambio defensivo, non causou o efecto desexado; pero o equipo xogaba máis seguro e sentíase mellor sobre o 40×20, o que permitiu a Diego Vega roubar un balón crucial para poñer ao seu equipo 2 arriba. Momento final de partido, Cañiza presionaba con dúas mixtas e o Calvo Xiria non atopou gol na súa última posesión; e no último ataque do partido excelente blocaxe de Jorge Bouzas para dar a vitoria ao seu equipo desde a defensa.

Calvo Xiria 28 – Bm Saeplast Cañiza 27

Calvo Xiria (15+13): Antonio Mato (p), Darío Calviño (p), Aarón Rodríguez (2), Gabriel Castiñeiras, Pablo Veiga (1), Julián García (1), Chimpo Rodríguez (5), Diego Vega (5), Manu Méndez (1), Álex Gómez (3), Jorge Bouzas (3), Carlos Varela, Mario Cancela (7), Martín Fuentes.

Bm Saeplast Cañiza (11+16): Miguel Couñago, Manuel Alejandro Gómez (3), Álex Rey (4), Martín Rial (4), Marcos Pequeño (1), Saúl Candan, Jorge Martínez, Jesús Lago, Cristian Canosa (5), Javier Bernárdez (6), Javier Mera (1), Eloy Molanes, Adrián Losón (1), Abraham Alonso (2), Alejandro López.

Árbitros: Juan Fernández e Daniel Valdes.

Marcador cada 5 minutos: 3-3, 5-5, 8-6, 11-8, 13-9, 15-11, (descanso), 17-12, 20-16, 22-20, 24-23, 27-25, 28-27 (final).

Incidencias: Partido correspondente a 19ª xornada do Grupo A da Primeira Nacional, disputado no pavillón Vila de Noia (Carballo).