LAS CINCO JOTAS LAVADORES 23 – IFECGÁS PEREIRA XIRIA 23

XORNADA 4

28/10/2012

Las Cinco Jotas Lavadores: 23 (14+9): Mario, Óscar (8), Aarón (2), Borja (8), Cristobal (1), Adrián(2), Nicolás (2) -equipo inicial- Silva, Carlos, Raúl, Álvaro, Pablo, Sergio.

Ifecgás Pereira Xiria: 23 (8+15): Zúpez, Anes (3), Martín (8), Javi (3), Miguel (1), Alberto (1), Calvete, Rubén Gómez (4) -equipo inicial- Edu, Bouzas, Iván (1), José, Julián (2), Óscar, Enrique, Buño

Colexiadas: Soraya Abelenda e Alba Currás.

Partido trepidante o disputado o pasado domingo na pista do Lavadores entre dous dos equipos chamados a loitar polos postos máis altos da táboa clasificatoria.

Os dous equipos chegaban empatados a puntos, catro cada un, aínda que os de Carballo ocupando a quinta posición na liga regular e os olívicos un posto por debaixo dos carballeses debido á golaveraxe.

A primeira metade foi claramente local, con Borja e Óscar tomando a batuta nos lanzamentos e o porteiro Mario atallando todo o que lle chegaba entre os tres paus. A defensa do equipo olívico era férrea, moi intensa e contundente, tanto no 1×1 como nas axudas nos postos veciños. Os de Xiria cometían demasiadas imprecisións nos lanzamentos e dábanlle moita vida aos locais con tantos balóns perdidos nos primeiros compases. Pintaba, deste xeito, moi mal o encontro para os bergantiñáns que se retiraban ao vestiario superados en todas as facetas do xogo e cun resultado certamente complicado, 14-8.

Pouco cambiaron as cousas no inicio da segundo parte e os visitantes non encontraban o dinamismo e o ritmo que tan bos froitos lles deran en épocas pasadas. O ataque posicional carecía de mobilidade e de respostas solidarias por parte de todos os compañeiros, polo que as situacións de lanzamento non eran as máis idóneas. De calquera xeito, non se daban por vencidos os do Ifecgás Pereira e botaron o resto en defensa, tentando anular cunha dobre mixta a Borja e Óscar, máximos goleadores do equipo olívico. Nun primeiro instante, parecía que a nova defensa xurdía efecto e o marcador apretábase ata os tres goles de diferenza, pero un novo parcial de 2-0, volvía a deixar as cousas como estaban a falta de dez minutos para o remate.

Foi entón cando os de Ifecgás Pereira apretaron os dentes para non sufrir a segunda derrota nesta liga, unha derrota, que en caso de producirse, podería deixar moi lonxe o título do campionato. A defensa exerceu máis presión e provocaba erro tras erro dos xogadores do Lavadores, para chegar ao minuto final tan só un gol abaixo. Neste momento si que soubo o Xiria xogar con disciplina táctica para que Martín encontrara un espazo óptimo de lanzamento a falta de quince segundos que supoñía o gol do empate final, 23-23.

Este empate pode ser moi importante máis adiante, nunha liga que está a demostrar ser moi igualada e con seis ou sete equipos como posibles candidatos ao título final.

A próxima fin de semana o Ifecgás Pereira non xogará o encontro que lle ía a enfrontar contra o Balonmán Lalín, debido a que o equipo visitante solicitou o aprazamento por ter algúns xogadores convocados coa selección nacional.