Mateo Pallas, convocado para as xornadas de tecnificación no CAR de Serra Nevada

O gardameta xuvenil segue sumando experiencias ao seu prolífico currículo, a pesares da súa xuventude, e estará na seguinte concentración que celebrará a Real Federación Española de Balonmán no CAR de Serra Nevada.

Unha vez máis, as instalacións que posúe o Consello Superior de Deportes en terras granadinas volverán a ser testemuña dunhas novas xornadas de tecnificación da Real Federación Española de Balonmán. E alí, non só contaremos con deportistas galegos, senón que teremos ao noso Mateo Pallas García (Carballo, 2005) representando ás Escolas Balonmán Xiria.

Do 14 ao 21 de setembro, o xove gardameta carballés estará en Serra Nevada, máis concretamente no Centro de Alto Rendemento, onde terá unha gran oportunidade para gozar dunha experiencia única cos mellores xogadores da xeración 2004-2005 e demostrar todas as súas enormes cualidades, as cales o levaron a ser partícipe de algo tan importante como son estas xornadas de tecnificación.

Foto: Federación Galega de Balonmán