29/03/2008 MECALIA AT. NOVÁS 33 – CALVO XIRIA 34
Mecalia At. Novás (16+17) 33: Santiago, Paulo (1), Manuel (1), Vicente (2), Benigno (1), Noé (5) e Yago (5) -equipo inicial- Adrián, Marcos (7), Cristian, Óscar, Esteban, Martínez e Pablo (11).
Calvo Xiria (20+14) 34: Quique, Cuco (4), Bruno (5), Roberto (4), Cristophe, Pablo (7) e Fernando Vázquez (6) -equipo inicial- Iago, Alex (1), Sebastián (2), Pombo (2), Chimpo (2), Jesús (1) e Manuel.
Árbitros: Iván Meijide e Abel Chapero. Ben. Permitiron o contacto en defensa, situación que non aproveitaron nin At. Novás nin Calvo Xiria.
O Calvo Xiria gonseguiu a súa décima vitoria consecutiva en liga ao derrotar ao At. Novás a domicilio nun choque no que os de Carballo pasaron máis apuros dos inicialmente previstos. Un gol de Roberto no último suspiro do partido permitiu aos verdibrancos sumar dous puntos que lles fan conservar a segunda praza á falta de tan só dúas xornadas para o remate da liga. O Calvo Xiria xogará a fase de promoción de ascenso se consegue sumar tres dos catro puntos en xogo, independientemente do que faga o Seis do Nadal.
Comezou ben o Calvo Xiria o partido, sobre todo en ataque. A rápida circulación de balón favorecía que tanto Bruno como Roberto finalizaran con éxito a meirande parte dos ataques dos carballeses. Só a pasividade defensiva dos verdibrancos permitía que o At. Novás non se fora do partido, pese a xogar sempre con desvantaxes de 3 e 4 goles. Co paso dos minutos, o Calvo Xiria foi quedando orfo de ideas en ataque e, curiosamente, o At. Novás conseguía poñerse a un gol do Xiria cun parcial de 3-0 cando xogaba en inferioridade numérica (15-16). O equipo de Marcos Rodríguez soubo endereitar a situación e, cun parcial de 1-4 nos últimos cinco minutos da primeira parte, conseguía chegar ao descanso cunha renda de catro goles (16-20). En nada se parecía o Calvo Xiria ao equipo que pasara por enriba do Seis do Nadal hai quince días e o xogo exhibido polos carballeses xeraba dúbedas cara á segunda metade. A indolencia defensiva, unida ao desacerto no ataque no último tramo do primeiro acto, non invitaban ao optimismo de cara á reanudación. O At. Novás, con só a aportación en ataque de Marcos e Pablo, bastábase para meterlle o medo no corpo ao Calvo Xiria.
As sensacións que dera o Calvo Xiria na primeira metade confirmabanse na reanudación. O coxunto carballés non era quen de axustar a defensa e o At. Novás atopaba moitas facilidades para marcar. Só o acerto de Fernando Vázquez nos primeiros minutos da segunda metade permitía ao Xiria manter certa tranquilidade no marcador, con rendas de tres e catro goles. E así foi ata que, cun parcial de 4-0, o At. Novás conseguía poñerse por diante con dez minutos por xogar (30-29). A lesión de Sebastián (que con dous goles consecutivos parecía ser a solución no ataque do Xiria), o desacerto de Chimpo no lanzamento, o cansanzo de Pablo, a falta de balóns aos estremos e, sobre todo, a nula defensa, provocaron unha situación de nervios nas filas dos carballeses, que puideron tirar por terra todo o traballo realizado na segunda volta. Os dez últimos minutos foron de infarto. Se ao Calvo Xiria se lle notaba en exceso a presión de ter que gañar o partido, ao At. Novás tamén lle podía a presión de vencer nun partido importantísimo para salvar directamente a categoría. O parcial de 3-4 nos últimos dez minutos fala ben ás claras do desacerto e nervios de ambos conxuntos nos minutos decisivos. Por fortuna para o Calvo Xiria, nesa fase do choque apareceu Iago quen, con varias paradas, abortaba as posibilidades de vitoria do At. Novás. Con once segundos por xogar, e co marcador empatado, o adestrador do Calvo Xiria pediu un tempo morto que deu como resultado o gol de Roberto a tres segundos do final. Un feliz desenlace de partido para un Calvo Xiria que sufriu máis do esperado na pista do antepenúltimo clasificado. Unha boa pedra de toque para afrontar os dous últimos partidos de liga ante Oleiros e Cangas. Só se os de Marcos Rodríguez están ao 100% poderán cantar a súa participación na fase de ascenso.