Montaxes Carballo B vence en Meaño en situación inesperada

Montaxes Carballo B vence en Meaño en situación inesperada

Tras un contratempo na viaxe a Meaño, tan só sete xogadores do Montaxes Carballo B chegaron a tempo ó pavillón para quecer, comezando o enfrontamento pouco preparados e descentrados. 

Axiña o Meaño saíu por diante no electrónico cunha defensa 3:3 que colleu por sorpresa ós de Bergantiños. O (4-2) do minuto sete deixaba entrever a falta de gol dun Xiria pouco acertado, pero os trocos, o aumento da intensidade defensiva e o aproveitamento das transicións deron alas nas filas visitantes, que tomaban os mandos do partido. O tempo morto, as permutas e desdobramentos do conxunto local non parecían afectar a un 6:0 do Xiria con superioridade antropométrica. A pesar dos erros reiterados na liña de sete metros, a pantalla marcaba unha cómoda vantaxe no descanso (10-17).

Tras aproveitar boa parte do interludio para rematar de quecer, o Xiria volveu con forza ó 40×20, cun Nico Cancela moi efectivo na faceta ofensiva. Pola contra, as eficaces tentativas de Fernando Bouzada ó mando do Meaño non foron suficientes para remontar un partido que se afastaba das mans dos locais. O enfrontamento finalizou con boa marxe e reparto de esforzos por todos os xogadores, moi a pesar da deplorable estadística de catro lanzamentos de sete metros marcados en once tentativas (24-38).

ASMUBAL MEAÑO TECNELSA 24 – 38 MONTAXES CARBALLO XIRIA B