OAR Coruña: 26 (10+16): Carlos, Enrique, Embodas (6), Sergio, Pablo, Javier, Rosende (2), David (3), Mario (2), Raúl (8), Darío, Marcos (3), Iago, Álex (2).
Garaysa Xiria: 34 (13+21): Manuel, Arnejo, Carlos (4), Gabriel (3), Pablo (2), Souto, Iván (6), Alex (2), Borja R. (2), Pereira (5), Juanca (10), Antonio.
O Garaysa Xiria afrontaba o seu derradeiro encontro da tempada como visitante na penúltima xornada de liga. Visitaba a cancha do OAR Coruña, penúltimo clasificado, nun derbi que tivo todo o que se agardaba del, tensión, intensidade e polémica.
O encontro comezou con moitas imprecisións por parte de ambos equipos. O Xiria non tiña a continuidade necesaria nas circulacións de balón e moitos ataques remataban lonxe da porta defendida polo OAR debido a precipitacións na elección de situacións de lanzamento. Pero, a pesar dos erros en ataque, o Garaysa tomou vantaxe dende o inicio do encontro, baseando o seu xogo nunha intensa defensa que impedía ver porta aos atacantes locais, os 10 goles encaixados nos primeiros 25 minutos dan boa mostra diso.
O Xiria non atinaba cos lanzamentos e froito desa precipitación da que falabamos a renda ao descanso era de tan só 3 goles, deixando así todo aberto cara a segunda metade. O ambiente na grada xa estaba enrarecido e as queixas dende a bancada oarista contra as decisións arbitrais eran constantes.
Pero o Garaysa non se deixou arrastrar pola tensión do encontro e sacou a relucir a súa mellor cara xa no arranque da segunda metade. A claridade ofensiva nada tiña que ver co visto na primeira metade e a defensa, máis adiantada e arriscada, logrou varios roubos de balón consecutivos que remataron en rápidos contragolpes e abriron así brecha no marcador.
A partir de aí os locais perderon a calma no xogo ofensivo, o Xiria mantiña a súa liña defensiva moi adiantada, case dende medio campo, e seguía roubando balóns e transformándoos en claros contraataques.
Unha tarxeta vermella ao banco local por reiteradas protestas ao colexiado dáballe ao Xiria lanzamento de 7 metros a favor e saque de centro, o que rematou rompendo o encontro, que, como xa comentabamos ao principio, tivo todo o que se agardaba dun derbi coma este. O 26-34 ao remate facía xustiza tras o visto no terreo de xogo.
Xornada propicia para os intereses do Garaysa, que logo da vitoria contra o OAR e tras o empate entre o Octavio e o Ártabro conseguían superar ao equipo vigués, acadando así a sexta praza na clasificación, que será súa de acadar un novo triunfo na derradeira xornada ligueira que se disputará no Pavillón Municipal Vila de Noia de Carballo este sábado ás 12:30 horas fronte ao U.D. Lavadores. Moita sorte neste importante partido que servirá como despedida e peche da tempada para o Garaysa Xiria.
