Nova vitoria do Calvo Xiria que continúa como lider invicto

Era un partido trampa o de onte Sábado, trampa porque o BM. Rasoeiro acudía a Carballo con necesidade de puntos ante a súa situación na clasificación e trampa porque os verdinegros acumulaban, nunha semana aciaga, ata catro baixas importantes (Carlos García por motivos académicos, Amarelle por molestias nunha dos seus xeonllos e Julián e Chimpo por senllas lesións), aínda que doutra banda estaba a excelente noticia de que Cuco reaparecía tras a súa lesión no xemelgo que o tiña apartado das pistas desde a segunda xornada de liga.

Unha vez que os visitantes saltaron ao parquet do Vila De Noia, púidose observar que o seu cadro de persoal tamén acudía ao municipal carballés cunha gran diminución de efectivos, feito que indubidablemente favorecía os intereses dun plantel máis amplo como a do Calvo Xiria. Neste contexto, o encontro non tivo máis historia que a dun conxunto local, o bergantiñán, que non deu opción aos do Grove en ningún momento, fieis á súa intensidade defensiva e ao despregamento da velocidade no contragol e o contragolpe. Os de Xiria foron donos do ritmo e polo tanto do encontro en todo momento e xa no descanso dominaban o marcador por un contundente 20-9.

O segundo acto foi un mero trámite onde os xogadores de Carballo non baixaron os brazos e foron aumentando as diferenzas de forma paulatina coa participación de todos os compoñentes da plantilla, un traballo colectivo que deixa ao Calvo Xiria como lider invicto a falta dun partido antes do parón do Nadal. Así, o vindeiro sábado ás 19:00 os carballeses enfrontaranse no municipal de Bueu ao Bueu ATL. BM, un rival fortísimo que tan só cedeu unha derrota no seu feudo e que recentemente derrotaba ao Unión Financeira de Oviedo, outro dos candidatos ao título. Precisamente, a derrota dos ovetenses en Vigo fronte ao Construcciones Castro Lavadores, fai posible que o Xiria amplie a diferenza co carto clasificado ata os cinco puntos, un colchón importante tal e como a parte alta da táboa.

Calvo Xiria: 38 (20+18). Iago Gómez (p), Antonio Mato (p), Carlos Vilanova (4), Gabriel Castiñeiras (2), Cuco, Brais Puñal (1), Fran Rey, Pablo Iglesias (6), Juanka (4), Iago Franco (1), Manuel Méndez, Jorge Bouzas (10), Alejando Calvete (3), Enrique Pena Pensado (7).

Calmear Rasoeiro BM: 20 (9+11). Adrián Costa, Pablo Garrido (4), Sergio Iglesias (4), Adrián Mouco, Aaron Vidal (3), Ignacio Otero (3), Adrián Fdez, Rodrigo Mouco (1), Manuel Gómez, Eduardo Da Silva, Daniel Gonçalves (3), José Arnulfo (2).

Parciais cada 5´:4-1 / 5-2/ 8-3/ 12-5/ 18-7/ 20-9/Descanso/23-11/ 24-12/ 28-14/ 31-16/ 35-18/ 38-20. Final

Colexiados: Adrián Rodríguez e Francisco Fdez. Sen complicacións.

Incidencias: Encontro da 13ª xornada da 1ª nacional celebrado nun pavillón Vila De Noia con boa afluencia de público.