O At. Guardés impón a lóxica no Vila de Noia

Unha mágoa para o Nordata Xiria non poder acadar un resultado mellor ante un dos favoritos para levarse o campionato de Liga Ouro. As carballesas competiron de principio a fin ante un At. Guardés cun puntiño máis a día de hoxe, e que tivo moitísimas dificultades para superar a un Xiria con baixas importantes pero que en ningún caso foron determinantes pola boa actuación de todas as xogadoras.

Quizais esa falta de rotacións fixo que en momentos puntuais, ás locais se lles notara un chisco máis de cansancio momentos ben aproveitados polas pontevedresas para abrir pequenas distancias que o final do encontro marcaron a diferencia. Bo nivel defensivo das locais e un fluído ataque ante a defensa 3:3 do Guardés que sen dúbida sufriu para sumar os puntos no Vila de Noia.

A próxima semana as do Nordata Xiria visitarán Tarrío para enfrontarse no derbi ante o Bm. Culleredo, que esta a amosar un nivel alto nas últimas citas.