O bo traballo non foi suficiente nun partido con falta de efectivos

O montaxes Carballo B sufriu unha digna derrota na pista do Lucense, pelexando ata os derradeiros minutos un encontro onde diferentes factores levaron a ausencia de case a metade da plantilla.

MILLAVEN CP LUCENSE 33 – 26 MONTAXES CARBALLO XIRIA B

O encontro non comezou ben para os de Carballo, que en ausencia de todos os seus defensores centrais do 6:0 non era quen de frear os lanzamentos exteriores dun Lucense moi acertado. O tempo morto do minuto 12 serviu para modificar a estructura defensiva a un máis efectivo 5:1. Pola contra, as novas ideas en ataque surtían efecto, chegando a atopar meta local en numerosas ocasións, pero a baixa efectividade en lanzamentos claros seguiu poñendo terra de por medio ata chegar ó descanso (18-10).

Na segunda metade o equipo saltaba á pista con autoridade, recortando distancias con pulso firme mentres a defensa presionante non deixaba encarar os perigosos 1×1 da primeira liña luguesa e habilitaba contraataques con Nicolás Mejuto e Lucas. Ata tres tantos de diferencia chegaron a acadar os xuveniles do Xiria, pero de novo os erros en ataque froito da fatiga acumulada e o acerto do Lucense nos derradeiros seis minutos deron o resultado final (33-26).

O Montaxes Carballo B volve a Carballo coa cabeza ben alta tras loitar os puntos todo o posible nunha situación moi complicada. Agora o grupo volve a viaxar ata Pontedeume para reclamar os puntos perdidos na primeira volta.