O Calvo Xiria álzase de novo ao primeiro posto de 1ª Nacional

O Calvo Xiria impúxose con solvencia ao Academia Octavio nun duelo desigual dada a situación de ambos os conxuntos. Os de Carballo acudían ao emblemático pavillón de As Travesas co obxectivo de seguir puntuando e, se fose posible, conseguir a vitoria pola maior diferenza ante o seu particular duelo co Construcciones Castro polo primeiro posto da clasificación.

O conxunto de Xiria comezaba o encontro dunha forma excepcional, concentrados e pechando todas as vías na súa retagarda cun 5:1 anticipativo e pro-activo, o que provocaba numerosas recuperacións ou perdas de balón do rival, que obrigaba ao seu adestrador a solicitar o primeiro tempo morto cando apenas se excedía o minuto dez e o seu equipo xa acumulaba oito goles de diferenza en contra (2-10). Tamén aproveitaría o momento o técnico do Calvo para concretar algúns cambios, co obxectivo de manter a intensidade e que outros xogadores fosen acumulando minutos no seu haber. Así, Antonio entraría na portería por Iago e boa parte da primeira liña e os extremos, ocuparían o seu posto no 40×20 da pista central de As Travesas. Foi entón cando os bergantiñáns deron o seu peor cara, un tanto indolentes na retagarda que agora traballaba en 6:0 e excesivamente confiados na falta de lanzamento exterior dos olívicos. A defensa permanecía plana ante o conxunto rojillo, digno batallador e buscando as súas solucións tácticas co pivote ante a falta de axudas defensivas e a colaboración da portería. No ataque, as solucións colectivas daban paso a un xogo máis anárquico que sumaba erros e perdas de balón, aumentando estes a desconfianza de todo o equipo. Daquel 2-10 en apenas dez minutos, pasaríamos a un parcial de 11-8 no seguintes vinte que deixaría un mal sabor de boca para os de Carballo, aínda que cun resultado favorable ao descanso de 13-18.

Na continuación saltou ao parquet de novo o equipo inicial, coa excepción de Antonio, que continuaba defendendo a portería. A proposta e a volta á defensa 5:1 buscaba de novo a resposta dun conxunto serio e concentrado, traballando sobre o seu modelo de xogo e unha disciplina táctica que, ademais de conseguir os dous puntos en xogo, fixéseo con sensacións positivas. O conxunto de Carballo entonouse agora algo máis, cun Antonio que comezaba moito mellor na portería e unha defensa que sumaba en positivo. A posta en escena deste segundo período nunca foi máis aló dunha intensidade media, pero suficiente para que o marcador se fose ampliando segundo ían pasando os minutos e para que o Calvo Xiria conseguise recuperar a primeira praza polo golaverage e aumentar a distancia con respecto ao Unión Financera de Oviedo , que o Sábado saía derrotado de Bueu.

O vindeiro sábado, o Calvo Xiria recibe ás 20:00 h no Vila De Noia ao Rasoeiro do Grove, outro equipo que se sitúa na parte baixa da clasificación e fronte ao que os carballeses deberán de facer un encontro serio que lles leve á vitoria e ca posibilidade de seguir aumentando a distancia con algún dos seus inmediatos perseguidores.

Academia Octavio: 23 (13+10). Yago Rivas, Rodrigo De Moura (5), Sergio Costa (3), Santi Gallego (1), Thiago De Oliveira, Gonzalo Touza (1), Martín Rial (5), David Figueirido (2), David Castiñeira, Daniel Fernández (3), Raikkvi Pacheco, Angel Riveiro (2), Rubén Rodríguez (1), Raul Pérez, Pedro Tabuyo.

Calvo Xiria: 38 (18+20). Iago Gómez (p), Antonio Mato (p), Carlos Vilanova (9), Gabriel Castiñeiras (1),  Julián López (1), Fran Rey (1), Pablo Iglesias (5), Chimpo (4), Carlos García (7), Iago Franco, Juan Carlos Rodríguez (2), Manuel Méndez (3), Jorge Bouzas (2), Alejando Calvete, Iván Amarelle (1), Enrique Pena (1).

Parciais cada 5´: 1-5 / 2-8/ 4-11/ 6-13/ 9-15/ 13-18/Descanso/13-19/ 16-23/ 18-27/ 20-30/ 21-33/ 23-38. Final

Colexiados: Saúl Menéndez e Jorge Muras. Sen complicacións.

Incidencias: Encontro da 12ª xornada da 1ª nacional celebrado no pavillón Municipal de As Travesas cun centenar de espectadores nas bancadas..