O Calvo Xiria arrastra o acontecido fai sete días e cede un punto

Foi unha semana dura onde ao Calvo Xiria pasoulle factura o acontecido na pista do Teucro fai sete días. Máis que a perda dos dous puntos en xogo, o como se produciu e os feitos posteriores, levaron aos carballeses para afrontar unha semana difícil e polo visto no encontro do pasado Sábado, aínda non superado.

As baixas coas que se afrontaba o partido eran importantes, pero sobre todo o estado emocional sería o que acabaría por determinar certos momentos do envite. Os de Ourense acudían ao Vila e Noia cos deberes feitos en liga e afrontarían o encontro con calma e tranquilidade, a mesma coa que iniciarían o enfrontamento, sen demasiada intensidade. Aos de Carballo, notábaselles esa carencia da alegría no xogo noutros momentos próximos, pero a pesar de todo, mandaban con comodidade no electrónico e impoñían a súa maior calidade. Cun gran Antonio baixo paus suplindo a Iago, os verdinegros deixaban escapar varias oportunidades para aumentar as distancias, aínda que as sensacións falaban de que os locais, no momento que apertasen un pouco máis o acelerador, podían escaparse definitivamente. Xamais se produciría este feito e os de Carnes Doribeiro conseguían poñer a táboas no marcador ao fío do descanso (14-14).

O segundo acto necesitaba de maior regularidade por parte dos bergantiñáns, nin eles nin os ourensáns estaban a completar un bo partido, pero estes, facendo gala da súa experiencia, souberon aproveitar os erros do seu rival para estar no encontro ata o instante final. Bastáronlles as accións de 2×2 co pivote e de 1×1 no lateral dereito, para que a retagarda dos de Xiria non se atopase cómoda en ningún momento e sementar as correspondentes dúbidas, tanto no 6:0 como no 5:1 local.

O Calvo Xiria tería todas as de gañar cando se marchaba 24-20 no marcador e dispoñía de acción de ataque para elevar a diferenza ata os cinco goles, pero esta nunca se produciría. O letargo emocional daría paso ás dúbidas cando en ata cinco situacións claras de gol, o porteiro visitante ou os paus repelían os lanzamentos e as boas accións de ataque quedarían anuladas polo factor sorte. Afrontábanse os últimos minutos e de finiquitar definitivamente o encontro con esas accións desde os seis metros, volvían as dúbidas, acompañadas dunha tensión competitiva palpable que levaría a tomar decisións erróneas e a precipitarse nos momentos definitivos. Aparecerían entón as exclusións, dúas, que deixarían aos de Carballo con catro en pista. Era o peor panorama e no peor momento, cando os dous puntos parecían estar no peto dos de Xiria. Os visitantes aproveitaríanse dos erros do seu rival para correr e sacar vantaxe deles e tamén a supeiroridad nun momento delicado. Sempre estiveron por detrás no partido, pero nunca deixaron escapar as oportunidades que lles brindaban os bergantiñáns, non cometeron erros e souberon explotar as dúbidas dos de Carballo no xogo co pivote. Así se colocarían un gol por encima cando o partido agonizaba e levar un punto d Vila De Noia con ese tanto final de Pablo Igrexas a favor dos de Xiria.

O Calvo Xiria deberá de recuperar efectivos, pero o máis importante é recuperar o estado emocional e a crenza do que lles levou ata aquí, algo que está plenamente na man dun conxunto que nos estaba deleitando fai tan só sete días cunha primeira parte soberbia ou fai quince cun encontro serio contra o Seis Do Nadal. Os carballeses, que seguen situados en posición de fase de ascenso grazas á renda que gañaran con anterioridade, entran na fase importante da competición por diante dos seus perseguidores e con todo por gañar. Haberá enfrontamentos entre Calvo Xiria, Unión Financeira e Chapela e entre estes últimos e o Lalinense, co cal, os de Carballo comezan este camiño de sete partidos que se iniciará a semana que vén visitando no derbi ao OAR da Coruña.

Calvo Xiria: 30 (14+16). Antonio Mato (p), Julio Ferreiro, Carlos Vilanova (3), Cuco (1), Julián López, Brais Puñal (2), Fran Rey (2), Pablo Iglesias (7), Manuel Méndez (6), Jorge Bouzas (2), Alejando Calvete (3), Chimpo (4), Iván Amarelle.

Carnes Doribeiro-Ourense provincia Termal:30 (14+16). Xosé Canedo (8), Juan Sotelo (3), Rafael Fdez, Roi Lamas, Celso Sotelo (6), Miguel Domínguez, Pablo Lorenzo (7), Nicolás González (5), Aleixandre González, Iván Reinaldo, Manuel Cerviño, Antonio Neira (1).

Parciais cada 5´3-1 / 5-3/ 7-6/ 10-8/ 11-10/ 14-14/Descanso/17-15/ 19-18/ 24-20/ 25-25/ 28-27/ 30-30. Final

Colexiados: Javier Quesada e laín Montes. Non tiveron unha tarde afortunada, inda que non influiron no resultado final.

Incidencias: Xornada 23ª no grupo A da 1ª nacional. Partido celebrado nun pavillón Vila De Noia onde se deron cita preto de douscentos seareiros.