O Calvo Xiria B competiu de ti a ti contra un dos rivais máis fortes da categoría, decidindo o encontro nos instantes finais tras un gran despregue físico e táctico.
Este domingo, ás 18:30h, o pavillón da Bombonera vestiuse de gala para acoller un vibrante duelo entre o Calvo Xiria B e o Sar Opmobility, un equipo situado nos postos altos da clasificación. Malia a dificultade do reto, os visitantes amosaron a súa mellor versión, competindo ata o último segundo.
O partido non puido comezar mellor para o Calvo Xiria B. Cunha defensa 6:0 moi ben estruturada e sólida, o equipo logrou frear as primeiras acometidas do Sar e saír con velocidade á contra. Este gran traballo traduciuse nun parcial inicial de 0-3 no inicio do partido.
Porén, o ritmo frenético do encontro e o desgaste físico obrigaron a ralentizar o ritmo, momento que o Sar aproveitou para reaccionar, o conxunto local comezou a facer dano con contraataques rápidos, desdobramentos e situacións de 2×2 moi efectivas, logrando darlle a volta ao marcador para irse ao descanso cunha mínima vantaxe dun gol arriba.
A segunda metade amosou un Calvo Xiria B máis pausado e maduro. O equipo soubo ler mellor as situacións de superioridade numérica, movendo o balón con criterio para atopar as mellores opcións de lanzamento. Aínda que o xogo era fluído, non era dabondo para igualar a contenda, e o Sar logrou abrir unha brecha de tres goles no luminoso.
Lonxe de baixar os brazos, o Xiria mantivo a cara en todo momento. A intensidade defensiva volveu subir de voltas, sostida por unha portería estelar que realizou paradas fundamentais en lanzamentos de 7 metros, mantendo ao equipo con vida nos momentos máis críticos.
A falta de poucos minutos, con dous goles por abaixo, o Calvo Xiria B botou o resto e apostou por unha defensa presionante para forzar o erro do rival. Foi un exercicio de valentía e competitividade que puxo en apuros ao potente equipo da Sar ata o pitido final.
Malia non poder quedar cos dous puntos, as sensacións deixadas na Bombonera son máis que positivas. Competir a este nivel fronte a un dos equipos de máis nivel da liga demostra a evolución do grupo. Este é, sen dúbida, o camiño a seguir para afrontar con garantías os últimos partidos da competición.


