O Calvo Xiria, claro dominador na difícil pista da Cañiza

Era un un encontro crucial para as aspiracións dos carballeses o que lle enfrontaba o pasado sábado ao Saeplast Cañiza. Os verdinegros necesitaban a vitoria para seguir firmes cara ao seu obxectivo, pero eran sabedores que acudían a unha das pistas máis difíciles da competición e que deberían de estar dispostos a completar un partido perfecto en todas as liñas.

Os de Xiria chegaban ao Municipal da Cañiza concienciados do traballo para realizar e desde o minuto un ao sesenta mostráronse moi superiores ao seu rival, expoñendo unha seriedade sobresainte e pechando todas as opcións dun sempre competitivo Saeplast.

Os de Carballo, apostados na alta efectividade da defensa menos goleada do campionato, pecharon todas as vías e camiños que daban acceso á portería defendida por Iago e despregaban a súa velocidade ao contragolpe, feito que lles daban as primeiras vantaxes do envite.

O equipo funcionaba excelso no posicional, onde a continuidade da pelota fluía cun ritmo alto que dificultaba a basculación defensiva do seu rival. O Calvo Xiria mostraba esa cara das mellores ocasións e neste estado de lucidez permitíase mesmo un parcial de 0-2 en inferioridade numérica para desarbolar ao seu rival cun 8-14 nas postrimerías do primeiro tempo. Dous claros erros neses momentos, serían aproveitados polos rojillos, que xamais se dan por vencidos e reducirían diferenzas xusto antes do paso por vestiarios (10-14).

Os bergantiñáns estaban desatados e a saída ao 40×20 na continuación foi igual de contundente. Aos cinco minutos do segundo acto as distancias xa se ampliaron de novo aos seis tantos e no corenta xa eran de oito. O Calvo Xiria iniciaba o seu particular camiño sen fisuras no último tramo do encontro, onde as diferenzas iríanse aumentando paulatinamente ata ese 22-31 final, que deixa aos de Carballo mantendo a distancia con respecto aos seus perseguidores a falta das dez últimas xornadas para asinar o seu obxectivo final.

Saeplast Cañiza: 22 (10+12): Ismael Lago (5), Martín Dávila (2), Marcos Estévez (2), Alejandro López, Jesús Veiga, Imanol Cobián (3), Manuel Alonso, Pablo Álvarez (1), Roi Alfeirán (1), Martín Alfeirán (2), David Costa, Jacobo Rodríguez (3), Jesús Lago (1), Miguel Couñago, Javier Bernárdez (2), David Chao.

Calvo Xiria: 31 (14+17). Iago Gómez (p), Antonio Mato (p), Carlos Vilanova (2), Cuco, Julián López, Fran Rey, Brais Puñal, Pablo Iglesias (5), Carlos García (2), Chimpo (9), Juan Carlos Rodríguez (1), Manuel Méndez (2), Jorge Bouzas (6), Alejandro Calvete (3), Enrique Pena (1), Iván Amarelle.

Parciais cada 5´: 1-2 / 3-4/ 4-5/ 5-7/ 7-11/ 10-14/Descanso/13-19/ 14-22/ 16-25/ 17-27/ 19-29/ 22-31. Final

Colexiados: Abel Juncal e Angel Mateos. Sen complicacións.

Incidencias: Encontro da 20ª xornada da 1ª nacional celebrado no pavillón municipal de A Cañiza. Boa entrada para ver este encontro entre dous conxuntos que practican un balonmán vistoso e atractivo para o espectador.