O Calvo Xiria comeza a liga cunha vitoria ante o BM Pabellón

As carballesas deron o pistoletazo de saída á competición ligueira ante o BM Pabellón cunha vitoria referendada cunha actuación de escándalo dunha Nadia Vázquez que fixo nada máis e nada menos que vinte e sete paradas ao longo deste encontro.

De Pueblo Carnicería BM Pabellón 16 – 18 Calvo Xiria

De Pueblo Carnicería BM Pabellón (7+9): María Agar Teixeira, Ana Pérez, Leila Durán, Andrea López (2), Yamila Michelle Melo, María González, Andrea Abad, Verónica De Cristofaro, Ruth Sánchez, Carla Fernández, Lucía Rodríguez, Milena Costa, Laura Costas Rial.

Calvo Xiria (9+9): Nadia Vázquez (p), Sara Pose (p), Elena Collazo (p), Juana Garrochena, Aida Vizcaíno, Andrea Díaz, Minia Calvo, Jessica Posse, Natalia Solís, Lara Otero, Alba Rodríguez, Elena Segade, Sheila Ferreiro, Raquel Gómez e Marta Gómez.

Marcador cada 5 minutos: 0-0; 3-0; 3-2; 4-3; 4-8; 7-9 (descanso); 8-10; 10-13; 11-15; 13-17; 15-17; 16-18.

Árbitros: José Pérez Rodríguez e Joel Colmenero Pérez do colexio galego auxiliados por José Rodríguez Hernández e Michele Morales Quintairos como cronmetradores.

Incidencias: Partido correspondente á primeira xornada do Grupo B da Primeira Autonómica Femenina disputado no Pavillón Municipal dos Remedios (Ourense).

Volta á competición dun Calvo Xiria que visitaba a un rival moi complicado como é o BM Pabellón, ao cal durante a pasada tempada non foi quen de vencer, e as rapazas de Manu López custaríalles moito traballo entrar nun encontro no que non foron quenes de ver portería durante os primeiros dez minutos, nos que non estiveron acertadas.

A partires dese momento, o adestrador carballés comezaría a facer rotacións e estas farían efecto xa que o cadro verde e negro xogaría con máis alegría e totalmente recoñecible, o que lle permitiu estar moito máis cómodo sobre o terreo de xogo e ter accións claras de gol, sobre todo en segundas oleadas, e de aí que se chegase ao descanso co 7-9 no luminoso.

Tralo paso por vestiarios, a dinámica seguiría sendo a mesma ca dos intres finais da primeira metade e as rapazas do Xiria lograrían a máxima diferenza do partido (+5), encontrando con certa facilidade a Natalia e a Sheila, as dúas pivotes.

Pero sucedíanse os erros dende o extremo como xa acontera no tramo inicial do encontro e iso facía que as carballesas non se escapasen en exceso no marcador, deixando sempre con vida ás ourensanas.

Houbo un feito desgraciado como foi a lesión de nocello de Lara Otero e a partires de aí, as locais darían un paso á fronte cunha arriscada defensa 5:1, a cal fixo que o Calvo Xiria cometese máis imprecisións e que o BM Pabellón se achegase a dous goles.

A pesares disto, os erros duns e doutros sucederíanse, e o encontro remataría cun 16-18 a prol dun conxunto carballés que comeza a liga sumando os dous puntos.