O Calvo Xiria Femenino xogaba o pasado sábado un partido moi importante ante un rival moi forte como é o CEDC Lavadores Vigo, equipo que ocupa a segunda posición da clasificación e que desprega un balonmán moi rápido e efectivo. Por este motivo, presumíase un encontro con numerosas situacións de contraataque e transicións ofensivas, xa que ambos conxuntos apostan por un xogo dinámico.
CDEC LAVADORES VIGO 34 – CALVO XIRIA 25
O partido comezou cun ritmo moi alto, marcado polos ataques rápidos e polas situacións de contraataque de ambos equipos. As defensas non conseguían frear con continuidade as accións ofensivas e víronse moitos goles xa desde os primeiros minutos.
Co paso do tempo, o equipo local, o Lavadores, conseguiu empezar a abrir as primeiras rendas no marcador ao aproveitar varias perdas de balón do conxunto carballés, castigadas con rápidas transicións. Pola súa banda, ao Calvo Xiria custáballe frear as situacións de caídas e permutas ao centro que propoñía o equipo vigués.
A diferenza nesta primeira metade estivo nunha secuencia de perdas de balón continuadas por parte do equipo de Carballo e no seu aproveitamento por parte do Lavadores, que transformaba esas accións en contras moi efectivas. Con todo, chegouse ao descanso cun marcador de 17-14 favorable ao equipo vigués.
Á volta dos vestiarios, o equipo carballés buscaba aumentar a intensidade defensiva e reducir os erros en ataque para poder manterse dentro do partido. Porén, non conseguiu cumprir plenamente ese obxectivo. A defensa mostrou máis contacto e máis dinamismo, pero seguían aparecendo perdas de balón no ataque posicional, castigadas novamente polas rápidas contras do equipo vigués, que foi ampliando pouco a pouco a súa vantaxe no marcador.
Demasiados erros nos pases e certas precipitacións nas accións ofensivas impediron que o equipo de Carballo tivese opcións reais de loitar polo resultado neste encontro. Con todo, cómpre salientar que o equipo soubo competir e manterlle a cara ao partido ata o final, malia non ser o día de maior acerto.


