O Calvo Xiria feminino visitou este pasado sábado, día 7, a pista do Atlético Guardés nun duelo clave para as aspiracións das carballesas. O conxunto de carballo visitaba a un rival da parte baixa da táboa coa necesidade imperiosa de sumar dous puntos que lle permitisen seguir na pelexa polos postos intermedios da clasificación, despois de varias xornadas competindo a bo nivel fronte a equipos da zona alta.
MECALIA ATLÉTICO GUARDÉS 15- CALVO XIRIA FEMENINO 28
O encontro comezou con dificultades para as visitantes. Os desaxustes defensivos nas situacións de un contra un das primeiras liñas locais, especialmente en accións abertas, así como os erros nas transicións defensivas —tanto en primeira como en segunda oleada— penalizaron en exceso ao Xiria. O Atlético Guardés soubo aproveitar estas imprecisións para coller as primeiras vantaxes no marcador.
Co paso dos minutos, o cadro carballés foi atopando mellores sensacións. Axustou a súa defensa, reduciu perdas no ataque posicional e mellorou nas transicións, o que lle permitiu darlle a volta ao marcador mediada a primeira metade. Cun xogo máis ordenado e eficaz, o Calvo Xiria acadou unha renda de dous goles ao descanso (10-12), culminando unha remontada baseada no traballo colectivo.
Tras o paso polos vestiarios, o partido mudou por completo. O equipo carballés exhibiu unha defensa sólida e moi traballada, con constantes axudas e unha grande profundidade sobre as xogadoras con balón, ben respaldadas pola actuación da súa porteira. As transicións ofensivas foron máis seguras e, en ataque posicional, o conxunto visitante xogou con criterio cada balón, seleccionando mellor as accións.
Pouco a pouco, a diferenza no marcador foi medrando ata selar o definitivo 15-28, que certifica unha vitoria de gran valor. O Calvo Xiria feminino suma así dous puntos fundamentais para continuar loitando polos seus obxectivos na competición ligueira.


