O pasado domingo, o Calvo Xiria feminino desprazouse ata Pontevedra para enfrontarse ao equipo de Poio, no que sería o primeiro encontro a domicilio da tempada para as carballesas, que chegaban á cita despois de asinar unha boa actuación na estrea ligueira na casa.
BALONMÁN POIO ARTAI 20- CALVO XIRIA FEMENINO 23
Os primeiros compases do encontro estiveron marcados polas dificultades do conxunto carballés para axustar o seu sistema defensivo e atopar fluidez nas transicións ofensivas, dúas das súas principais armas. Imprecisas nas contras e na segunda onda, e demasiado estáticas no ataque posicional, as xogadoras do Xiria tiveron que afrontar uns primeiros minutos complicados.
Porén, pouco a pouco o equipo foi gañando consistencia en defensa, o que lle permitiu evitar que as locais abrisen diferenzas importantes no marcador. A primeira metade mantivo esta mesma dinámica e chegouse ao descanso cunha mínima vantaxe dun gol para o conxunto de Poio.
A saída dos vestiarios trouxo consigo un Calvo Xiria cunha actitude diferente. As carballesas aumentaron a intensidade defensiva, mostráranse máis dinámicas, agresivas nos contactos e atrevidas nas accións individuais. Tamén conseguiron facer máis dano no ataque posicional, aínda que sen acadar todo o acerto desexado. Pouco a pouco, a dinámica do encontro comezou a cambiar e o Xiria conseguiu meterse de cheo na loita pola vitoria.
O marcador mantívose igualado ata os últimos compases, pero un último arreón das carballesas, acompañado dunha boa mostra de carácter e competitividade, permitiulles decantar o encontro ao seu favor e regresar á casa cunha importante vitoria por tres goles de diferenza.
Este partido deixa unha aprendizaxe clara: o equipo debe seguir traballando para gañar regularidade e aprender a adaptarse ás diferentes situacións que presenta cada encontro. En Poio, o Calvo Xiria non conseguiu atopar o seu ritmo habitual de xogo, algo que condicionou boa parte do seu rendemento, pero soubo competir ata o final para sacar adiante un partido esixente.


