Este domingo 25, o Calvo Xiria feminino afrontaba un dos encontros máis esixentes da tempada ao enfrontarse a un rival situado por riba na clasificación, un equipo experimentado e de gran fortaleza física que se presentaba como unha seria ameaza para as carballesas. O duelo esixía o máximo nivel de concentración e entrega por parte dun conxunto local obrigado a dar a súa mellor versión para competir de ti a ti cun rival de tanta entidade.
CALVO XIRIA 21- PLANCIBER SEIS DO NADAL- COIA 24
O partido comezou cun Calvo Xiria moi enchufado, especialmente no plano defensivo. As mozas carballesas conseguiron anular durante os primeiros minutos a potencia ofensiva do equipo de Coia e, a partir desa solidez atrás, lanzaron rápidos contraataques de segunda onda cara á parcela ofensiva. Con todo, no ataque posicional o inicio foi algo máis traballoso: custaba imprimir ritmo á circulación de balón e as accións de gol chegaban, sobre todo, a través de situacións de dous contra dous e pequenas continuidades.
A pesar diso, o dominio inicial foi claramente carballés. Porén, tras varios axustes ofensivos do conxunto visitante, o equipo vigués foi entrando pouco a pouco no encontro. As carballesas comezaron a sufrir máis á hora de dar un paso adiante para defender os lanzamentos de nove metros e as situacións nas que se buscaba á pivote. No ataque lograban mover algo mellor o balón, pero seguía sendo moi complicado superar a correosa defensa das visitantes. Así, chegouse ao descanso cun marcador axustado e cunha mínima desvantaxe dun gol.
Tras o paso polos vestiarios, a igualdade mantívose palpable. Ambos os dous equipos ofreceron un balonmán de bo nivel e moita intensidade. O Calvo Xiria continuaba sufrindo coas caídas das laterais cara ao centro e cos cruces entre laterais, situacións que obrigaban a saír ás defensoras e deixaban espazos perigosos para a pivote rival. En ataque, a segunda parte foi máis dinámica: aínda que non se lograron encadear moitas continuidades, cada vez que se facía aparecían situacións claras de gol. Destacou o bo traballo das segundas liñas, mentres as primeiras liñas ían xerando pouco a pouco máis movemento e profundidade.
O encontro acabou decidido polos pequenos detalles. Nese tramo final, os detalles marcaron o partido e unha serie de erros fixeron que as de Coia colleran distancia no marcador. Máis alá do resultado, quedou unha moi boa sensación dun equipo novo que competiu a un nivel moi alto fronte a un rival que o obrigou a esixirse ao cento por cento e cunha superioridade física moi evidente.


