O Calvo Xiria finaliza a súa tempada

O Calvo Xiria finaliza a súa tempada

O Calvo Xiria Femenino pechou a súa participación na Final Four celebrada en Chapela cun balance de aprendizaxe e competitividade, nunha cita disputada ao longo do pasado sábado e domingo que outorgaba ao campión unha praza na fase de ascenso á División de Honra Prata.


No primeiro encontro, o conxunto carballés medíase ao CDC Lavadores nunha semifinal condicionada polos nervios iniciais. As xogadoras do Xiria entraron precipitadas, afastándose do plan de xogo previsto e cometendo erros pouco habituais. Esta situación foi ben aproveitada polo equipo vigués, que acadou vantaxes desde os primeiros minutos ata marchar ao descanso cunha renda ampla de goles.
Tras o paso polos vestiarios, o guión mudou de forma notable. O Calvo Xiria amosouse máis combativo, recuperando o seu carácter competitivo e achegándose ao nivel de xogo que o caracterizou durante a tempada. A mellora na segunda metade foi evidente, mais non suficiente para reverter a diferenza acumulada, rematando o encontro cunha derrota por seis tantos.


Xa na xornada do domingo, o equipo carballés disputou o partido polo terceiro e cuarto posto fronte ao Balonmán Samertolameu . Nun contexto con menor presión competitiva, o Xiria ofreceu unha versión máis recoñecible, desenvolvendo un xogo máis fluído e próximo ao visto durante o curso. A pesar dalgúns erros puntuais, o equipo mantivo sempre a cara ao encontro.
O choque foi igualado e entretido, cun bo ritmo e alternativas para ambos conxuntos, que, malia non ter xa obxectivos clasificatorios en xogo, brindaron un espectáculo atractivo para o público asistente. Finalmente, o triunfo caeu do lado do Balonmán Samertolameu nos últimos minutos.


A participación nesta Final Four non empaña, en ningún caso, a notable tempada do Calvo Xiria feminino. Pola contra, supón unha experiencia competitiva de valor que reforza as expectativas de cara ao vindeiro ano, no que o equipo aspira a seguir medrando e consolidándose.