O Calvo Xiria gaña en Culleredo e segue collendo sensacións para o inicio de liga

O Calvo Xiria superou a un competitivo BM Culleredo no que era o primeiro partido amigable para uns carballeses que se quedaron moi satisfeitos polo visto sobre a pista e relacionado co xogo, pero que se marcharon cun sabor un tanto agridoce polos contratempos que foron sufrindo ao longo do encontro.

BM Culleredo 26 – 38 Calvo Xiria

Ambos conxuntos saltaron á pista moi conectados ao partido, pero a defensa 5:1 do Calvo Xiria, con Mario Cancela no avanzado; e a intensidade da mesma fixo que xa no tramo inicial, os pupilos de Adrián Dubra fosen collendo certa vantaxe no marcador.

O traballo defensivo dos verde e negros foi practicamente impecable durante o primeiro cuarto de hora de encontro, aínda que estes sufrisen o seu primeiro contratempo debido a que Chimpo sufriu un esguince leve de nocello, uníndose así á baixa de Carlos Guisasola.

Por non todo foron baixas nin malas novas, xa que foi este pasado venres cando volvería un deses mozos que están chamados a ser parte fundamental do Calvo Xiria non só do presente, senón tamén do futuro, como é un Aaron Rodríguez que despois de moitos meses de baixa saltaba á pista de novo para defender a camisola verde e negra.

Durante o último cuarto de hora da primeira metade, os cullerdenses axustaron a súa táctica tanto defensiva como ofensiva e lograron igualar a balanza nos últimos parciais, pero aínda así, chegaríase ao descanso cun 12-18 no luminoso.

Nos segundos trinta minutos, os verde e negros realizaron numerosas probaturas de cara a ese inicio de liga que xa está tocando á porta.

Adrián Dubra cambiaría a defensa do 5:1 ao 6:0, pero un novo imprevisto en forma de lesión dun Fran Rey que sufriría un pinzamento de xeonllo, faríalle reaxustar de novo ao equipo para non perder intensidade e os xogadores responderon ás mil maravillas para seguir coa súa tónica ascendente e finalizar o encontro cunha clara vitoria tal e como reflexaba o 26-38 final.

Foto: BM Culleredo