O Calvo Xiria imponse no primeiro derbi da tempada

O pasado venres día 12 de Outubro, ademais do día Pilar, celebrábase a festa do balonmán na comarca e é que Conservas Boya Camariñas e Calvo Xiria, acometían o primeiro derbi de 1ª nacional na actual tempada.

Ambos os conxuntos afrontaban ao encontro en situacións moi dispares; os locais coa ambición de estrear o seu casilleiro ante o aclamado potencial do seu rival e os de Carballo coa necesidade de seguir sumando de dous en dous para continuar soñando cos obxectivos máis altos.

O ambiente resultou o esperado, o das grandes ocasións e os Boya Blues poñían o son e o colorido mesmo antes de que os equipos saltasen ao 40×20 para comezar co quecemento. A afección verdinegra tampouco defraudou e co alcalde de Carballo, Evencio Ferrero á cabeza, abarrotaron unha das bancadas do pavillón camariñán. Mais de cincocentas persoas aproveitaron o día festivo para gozar dun encontro sempre rechamante e especial entre dous equipos veciños.

O potencial do Calvo Xiria deixábase entrever desde os primeiros compases e os locais topábanse con serias dificultades para atopar espazos efectivos cara ao gol. A retagarda dos bergantiñáns e o seu porteiro Iago tornábanse inexpugnables e durante o primeiros quince minutos tan só encaixarían dous goles (2-6). Os visitantes dominaban o encontro e o marcador con autoridade, ata que emerxeu a figura de Cristian na portería local para comezar a crear dúbidas no xogo dos carballeses. Foron dez minutos de apagamento, onde ademais, os sucesivos erros de pase, propiciaban contras sinxelas para o Boya que chegaría a situarse cun gol de vantaxe sobre o seu rival cando xa agonizaba o primeiro acto. Retomaría entón o mando o Calvo Xiria, apoiado polo seu extenso plantel e indiscutible potencial e marcharíase ao tempo de descanso cunha vantaxe de dous goles (8-10).

Foi na continuación cando os de Carballo romperon definitivamente o envite e fixérono desde os primeiros minutos e cunha notable seriedade no xogo. De novo a defensa respondía sobresainte ante as acometidas dos locais, que insistían unha e outra vez cun espírito competitivo encomiable. As recuperacións de balón sumaban goles na portería contraria e en apenas cinco minutos, o Calvo Xiria xa poñían terra polo medio cun parcial de 0-4 (8-14). Lonxe de confianzas e conscientes de que o Conservas Boya xamais se ía a dar por vencido, os verdinegros continuaron coa mesma concentración e seriedade para evitar posibles sorpresas, marcando os tempos e decidindo que ritmo de xogo impoñer en cada momento. O marcador continuaría aumentando ata ese final de 16-29, resultado que mantén aos de Carballo invictos nestas catro primeiras xornadas e ocupando os postos altos da táboa de clasificación.

O vindeiro sábado ás 18:00 h no Vila De Noia, o Calvo Xiria terá outra dura proba, neste caso ante o reforzado Saeplast BM Cañiza, un conxunto que cada tempada que pasa vai a máis e que conta cos irmáns Alfeirán, xogadores formados na canteira do Calvo Xiria desde pequenos.

Conservas Boya BM. Camariñas: 16 (8+8). Alejandro Canosa, Alan Fuentes (3), Cristian Canosa (4), Eusebio Martínez (4), José Manuel Romar, Manuel Parga, Cesar Carvahal, Cristian Vigo, Alberto Mas (2), Bieito Canosa, Hector Fateira, Francisco Carril, Cristian Antelo (1), Fabián Canosa (1), Felix Fateira, Xabier Canosa (1).

Calvo Xiria: 29 (10+19). Iago Gómez (p), Antonio Mato (p), Carlos Vilanova (2), Gabriel Castiñeiras,  Julián López (2), Brais Puñal (1), Fran Rey, Pablo Iglesias (7), Chimpo (1), Iago Franco, Enrique Pena (1), Juan Carlos Rodríguez (4), Manuel Méndez (4), Jorge Bouzas (2), Alejando Calvete (1), Iván Amarelle (4).

Parciais cada 5´: 1-3 / 2-5/ 2-6/ 5-6/ 8-8/ 8-10/Descanso/8-14/ 11-17/ 13-20/ 14-23/ 15-27/ 16-29. Final

Colexiados: Pedro Eiras e Lucas Crespo. Non influiron no resultado final.

Incidencias: Encontro da 4ª xornada da 1ª nacional celebrado no pavillón O Areal, onde se deron cita máis de cinco centos siareiros de ambos os conxuntos.