O Calvo Xiria perde no último instante

Moita calor en Vigo para a disputa do encontro entre o Seis Do Nadal e o Calvo Xiria. Os xogadores brindáronnos cun choque emocionante onde os porteiros e as defensas serían os protagonistas e que non se decantou a favor dos locais ata os minutos finais.

Un inicio de partido complicado e costa arriba para os do Calvo Xiria; despois de sufrir ata 3 exclusións en apenas 7 minutos de partido e xogar por dúas ocasións con dous xogadores menos; o carácter do equipo ante as adversidades e a achega de Iago fixeron que o marcador fose de 3 a 3. Unha vez terminadas as sancións, o Calvo empezou a xogar mellor o 6×6 pero o porteiro local mantivo ao seu equipo no partido e Iago faría o propio nos instantes finais da primeira parte. Co que se chegaba ao descanso cun xusto 9 a 9.

Na continuación, os do Xiria, empezaban a ver porta con maior facilidade e mantiñan a estabilidade defensiva; permitindo abrir unha brecha de dous goles coa que se chegaba ao minuto 49. Despois dun tempo morto solicitado por Adrián Dubra; o equipo atopaba a Edu Cousillas polo extremo e establecía a máxima diferenza no marcador 16 a 19. Pero non xogou ben o Calvo os instantes finais. Saque rápido de centro dos vigueses e gol aos poucos segundos. O Calvo atascábase en ataque, e o Seis Do Nadal poñeríase por diante ao contraataque. Un parcial de 7 a 2 decantou o partido para os de Vigo.

O Calvo Xiria que realizou un bo encontro, trata de crecer e mellorar a base de minutos e competición. É hora de dar un salto de calidade e todo o equipo está preparado.

Magope Seis Do Nadal Coia 23 – Calvo Xiria 21

Magope Seis Do Nadal Coia (9+14): Víctor Doval, Alexandre Silva, Enrique Fernández (1), Diego Fernández, Xurxo Rivas (2), Adrián Leiros (1), Yago Santome (2), Marcos Treinta (1), Diego Rivas (1), Alberto Carazo, Pablo García (6), Pedro Toimil, Guillermo Rial (8), Martín Rial (1), Abraham Alonso, Jorge Gayo.

Calvo Xiria (9+12): Iago Gómez (p), Antonio Mato (p), Gabriel Castiñeiras (2), Julián López (1), Brais Puñal (1), Fran Rey, Chimpo (3), Juanka Rodríguez (1), Manu Méndez (3), Álex Gómez (1), Jorge Bouzas (4), Adrián Losón y Edu Cousillas (5).

Maracdor cada 5 minutos: 1-1, 3-1, 4-3, 6-6, 8-8, 9-9; (descanso); 10-12, 12-14, 15-17, 17-19, 20-19, 23-21.

Árbitros: Raúl López e Álvaro García.

Incidencias: Partido correspondente á cuarta xornada do Grupo A de a Primeira Estatal disputado no Pavillón municipal de Coia en Vigo ante uns 200 afeccionados.