O Calvo Xiria remata a primeira volta con triunfo ante o BM Lalín

O Calvo Xiria foi claro dominador do encontro dende o comezo fronte a un BM Lalín que deu a cara ata o remate do encontro. 

Co pitido inicial, a defensa aberta plantexada polas visitantes xerou certas dúbidas nas carballesas que pronto quedaron disipadas grazas ó liderazgo de Alba en ataque. O contundente 6:0 local e as rápidas transicións obligaron ó técnico lalinense a pedir un tempo morto que non conseguiu frear o bo xogo local. O Xiria cada vez ía a máis amosando a súas señas de identidade que permitían chegar ó descanso con cómodo 21-12.

A outra cara da moeda amosouse na segunda metade. Un cambio máis na defensa visitante (esta vez 5:1) e o infortunio nos lanzamentos de 6 metros secaron o ataque carballés, con tan só 4 goles nos primeiros 15 minutos. O Lalín medraba en confianza ó tempo que o Xiria non se atopaba cómodo de todo, froito de certa relaxación polo abultado marcador da primeira metade. Nos últimos minutos, unha serie de boas defensas e o acerto de Tamara  disiparon calquera tipo de dúbida e a bocina soaba co definitivo 33-27.

Terceira vitoria consecutiva do Calvo Xiria que pecha unha gran primeira volta na que só cedeu 4 puntos. Cunha semana sen competición, o equipo céntrase en preparar os dous últimos encontros do ano ante BM. Pabellón Ourense e o Reconquista de Vigo, rivais directos na loita por alacanzar os postos de Play-off.