O Calvo Xiria segue firme no seu obxectivo

Unha vitoria do Calvo Xiria que se sostivo nunha excelente primeira metade, onde parecía que o partido estaba sentenciado, aínda que o exceso de relaxación permitiu ao Vecindario poñerse a só dous goles, pero os minutos finais dominados polo Xiria déronlle a vantaxe final.

No comezo do partido puidemos ver a dous equipos con diferentes propostas de xogo, mentres o Calvo Xiria imprimía velocidade nas transicións, presionando desde a defensa; os de Vitaldent Vecindario trataban de frear o ritmo de xogo, sacando excesivamente lento e con ataques longos. Con esta idea, o Xiria, marchábase aos poucos no marcador, adquirindo unha cómoda vantaxe que se ampliaría coa entrada das rotacións. Chegabamos ao descanso 18 a 8.

Na continuación, os visitantes imprimiron maior velocidade, mostrando a súa capacidade ofensiva e produciuse un intercambio de goles, pero os de Carballo, demasiado relaxados non souberon ler o cambio que se produciu no partido. Coa falta de tensión empezaron a cometer erros en lanzamentos de 6 metros claros, e a defensa nada tiña que ver coa da primeira metade. Vecindario recortaba diferenzas. Cando a falta de 5 minutos o marcador reflectía o 30 a 28, ninguén o podía crer; pero 5 minutos brillantes en defensa devolvían a diferenza ata os 7 goles. Vitoria do Calvo Xiria, que mellora notablemente as súas prestacións no 40×20 cando mantén a concentración e a intensidade no xogo.

Calvo Xiria 35 – Vitaldent Vecindario Ciudad Gran Canaria 28

Calvo Xiria (18+17): Iago Gómez (p), Antonio Mato (p), Fari (3), Gabriel Castiñeiras (3), Fran Rey, Dani Mallo (4), Chimpo Rodríguez (2), Diego Vega (2), Juanka Rodríguez (3), Manu Méndez, Alejandro Gómez, Jorge Bouzas (4), David García (9), Diego Antelo, Adrián Losón (1), Edu Cousillas (4).

Vitaldent Vecindario Ciudad Gran Canaria (8+20): Lois Pérez (2), Rubén de León, Daniel Jesús Martín (4), Michael Martín (5), Jesús Mendoza, Carlos José Sánchez, Abraham Hernández (11), Azael Santana, Miguel Ángel Martin, David José Curbelo, Álvaro Carames, Airam Torres, Alberto González (2), Samuel González, Alby M. Rosales (4).

Marcador cada 5 minutos: 2-2, 5-2, 7-3, 10-4, 13-6, 18-8, (descanso); 21-12, 25-14, 28-20, 30-23, 30-27, 35-28.

Árbitros: Javier Quesada e Javier Miranda, do colexio asturiano.

Incidencias: Partido correspondente á novena xornada do Grupo A de a Primeira Estatal, disputado no pavillón Vila de Noia, de Carballo.