A xornada 4 de liga para o noso senior feminino saldouse con vitoria carballesa diante dun Coretti Lalín moi mermado polas baixas.
Os primeiros minutos foron de tanteo, o conxunto lalinense xeraba dúbidas na defensa local ó xogar con catro primeiras liñas e sen pivote; mentres que o Xiria dominaba o xogo de contraataque con Marta e Elena moi atinadas. Os últimos 15 minutos da primeira metade foron case un monólogo local. Coa primeira liña moi atinada e unha defensa xa máis semellante á que nos teñes acostumadas as nosas chegábase ó descanso 19-10.
Á volta dos vestiarios, unha certa relaxación local permitía ó Lalín acurtar a distancia, mais o desgaste que supón xogar en Carballo pasou factura as visitantes nos derradeiros 10 minutos onde volveron as rápidas accións de contraataque e as boas accións combinativas en ataque lideradas por Lara Otero.
Resultado final 38-28 e dous novos puntos que manteñen ó noso equipo nos postos altos da táboa. Esta semana toca viaxar a Tui ante un dos rivais más fortes da categoría.